Pasar al contenido principal

Código Deontolóxico

A responsabilidade profesional debe ir máis alá das directrices que marca a lexislación vixente en cada momento, e por iso, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, ao amparo do disposto no artigo 9 apartado b) da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 5 apartado i) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais, aprobou na Asemblea Xeral Ordinaria 2009 o Código Deontolóxico e de Ética e Práctica Profesional como guía de comportamento no desenvolvemento da profesión de Enxeñaría en Informática e as súas relacións coa sociedade.

Os colexios que teñen asignadas profesións tituladas deben fixar unhas normas deontolóxicas e éticas que, adaptadas á realidade de cada profesión, cumpran as seguintes funcións:

  • Recoller uns principios éticos de conduta que deben ser asumidos por todos os membros colexiados como norma de actuación.
  • Presentar algúns principios (non esixibles pero si desexables) que servirán de guía no comportamento profesional dos e das colexiados e colexiadas, sempre buscando un maior ben para as persoas directamente relacionadas cos enxeñeiros e enxeñeiras en informática e a sociedade en xeral, evitando comportamentos colectivos indesexados que redunden nun desmérito da profesión en xeral e que poidan desprestixiar ao colectivo que a exerce.

Os órganos de dirección e representación do Colexio deberán velar polo cumprimento e aplicación do presente Código Deontolóxico e de Ética e Práctica Profesional, para o que é necesaria a distribución e difusión das normas contidas neste Código entre os seus colexiados/as.

Os Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia indican no seu artigo 14 a obrigatoriedade de cumprir o Código Deontolóxico que contraen tódalas colexiadas e colexiados do CPEIG polo feito de ser membro.

O incumprimento das normas deontolóxicas considerarase como falta leve, grave ou moi grave, segundo o disposto no Título V dos Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Nesta ligazón pódese consultar o texto integro do Código Deontolóxico e de ética e práctica profesional (CDEPP.1) aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria 2009.

 


Asemade, o Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática aprobou en asemblea xeral do 4 de maio de 2019 o "Código Ético y Deontológico de la Ingeniería Informática"

Conforme o artígo 19 dos Estatutos de los Colegios de Ingeniería en Informática y de su Consejo General (CCII), establecese o deber de cumprimento do devandito código por parte dos profesionais enxeñeiros en informática colexiados, sendo necesario coñecelo, aplicalo e difundilo.

Nesta ligazón pódese consultar o texto integro do Código Ético y Deontológico de la Ingeniería Informática.