Ten que estar rexistrado para poder ver o contido das asembleas
A Asemblea xeral é o órgano supremo de expresión da vontade do Colexio.
Está formada por todos as persoas colexiadas, con igualdade de voto, e adoptará os seus acordos polo principio maioritario e en concordancia cos presentes estatutos.
Os acordos adoptados obrigan a todos os membros do Colexio, mesmo aos ausentes, disidentes ou aos que se absteñan e incluso aos que recorran contra aqueles, sen prexuízo do que resolvan os tribunais competentes.
A Asemblea xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, no primeiro semestre, para a aprobación das contas, aprobación dos orzamentos e información xeral sobre a marcha do Colexio en todos os seus aspectos. As sesións serán convocadas pola Xunta de Goberno sempre cunha antelación mínima de quince días respecto á data da súa realización, mediante comunicación escrita a todos os membros colexiados; a convocatoria incluirá a data, hora e lugar da reunión, así como a orde do día e a información complementaria que se considere oportuna. De maneira simultánea á comunicación escrita, o Colexio publicará a convocatoria da Asemblea na portada da parte pública da súa web.
Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cando o considere necesario presidencia ou a Xunta de Goberno, ou cando o pida coa súa sinatura a terceira parte dos membros do Colexio, especificando o punto ou os puntos da orde do día que desexa que sexan tratados.
Todos os membros do Colexio teñen o dereito e o deber de asistir á Asemblea xeral con voz e voto.
A Asemblea xeral estará constituída por todos os membros do Colexio que asistan ou se fagan representar por escrito por outro. É necesaria, para a validez dos seus acordos en primeira convocatoria, a concorrencia de máis da metade das persoas colexiadas entre presentes e representadas. En segunda convocatoria, que poderá ter lugar nun tempo non inferior a quince minutos despois da anunciada para a primeira, serán válidos os acordos, calquera que sexa o número de asistentes e membros representados, salvo os que requiran maiorías especiais.
De acordo co disposto no artigo 6.3 c) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, queda expresamente prohibido adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día da reunión ordinaria ou extraordinaria de que se trate, sen prexuízo da normativa reguladora dos colexios únicos galegos e dos consellos galegos de colexios profesionais.