O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, fallan o VI Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2022, no que participaron un total de 37 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO de toda Galicia.
Os gañadores desta edición foron: Sofía Bernárdez Vilas, de 3º da ESO do CPR La Inmaculada de Marín polo seu traballo “Número descoñecido”; no que Sofía relata a historia de Elda, unha rapaza que, confiada, contesta a unha mensaxe dun número descoñecido que parece ser dun rapaz da súa idade chamado Mario co que queda nunha cafetería onde descobre que é un home maior. A narración de Sofía continúa relatando o medo da protagonista, pero que lembrando as recomendacións dunha clase do seu colexio, consegue fuxir ao baño e chamar á policía, quen finalmente detén ao home.
Na categoría de Primaria o premio foi ex aequo para Icía Mosquera Tabeayo, de 5º curso do CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral polo seu traballo “Secuestro por internet”, e Ariane Luis Nogueira, tamén de 5º curso do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo, en Ourense, polo seu traballo “As redes sociais de Amelia”.
No seu relato, Icía conta a historia de Lola, unha nena de 10 anos afeccionada a navegar por Instagram coa súa conta pública. A pesar de que un policía local avisou dos perigos de facer esta práctica nunha charla no colexio, Lola non fixo caso e comezou a falar co que pensaba que era un rapaz, pero como soe suceder neste casos era un home maio que ao final a secuestrou; o relato continúa coa valentía da rapaza que escapa do lugar e despois explica na Televisión de Galicia o que se aconteceu para que outros rapaces non caian no seu erro e protexan os seus datos.
A terceira premiada, Ariane Luis, escribiu unha historia baseada na vida de Amelia, unha nena de dez anos moi afeccionada ás redes sociais, e, ao aceptar en Facebook unha solicitude, comezou a falar cunha rapaza á que non coñecía en persoa, Dili. Primeiramente parecían moi amigas, pero esta tal Dili enfadouse coa nosa protagonista e comezou a insultala polas redes sociais. Tras contarllo aos seus pais, pediron axuda a través do teléfono 017 do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
As tres gañadoras recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula.
Tamén o CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou, un total de 13 propostas.
Este concurso ten por obxecto que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.