O TFM gañador está dotado con 1.000 euros
Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta
Poderanse presentar propostas ata o 21 de abril e o premio entregarase no marco da "15 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que se celebrará o 16 de xuño en Santiago de Compostela
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décimo cuarta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática.
Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2021, 2022 e 2023. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 21 de abril ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura podense atopar ao final deste artigo.
Mediante a organización deste premio, o Colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.
Noite da Enxeñaría en Informática
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o Colexio celebrará o día 16 de xuño en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos as/os colexiadas/os, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.