Pasar al contenido principal

García Morán abordará as TIC nas Institucións da Unión Europea nun encontro aberto a estudantes e empresas

Símbolo do CPEIG

O conselleiro xefe en TI da Comisión Europea Francisco García Morán abordará o vindeiro xoves 16 de xuño a relevancia das TIC nas institucións da Unión Europea, nun encontro organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e a empresa Balidea en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). A sesión, dirixida especialmente a estudantes e empresas, terá lugar a partir das 18.00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. 

No arquivo adxunto pode consultar o programa da Xornada 

O relatorio de García Morán inclúe tres puntos de máxima actualidade: eGov e novo Action Plan da UE; open Government services; e Conecting Europe Facility (CEF) e interoperabilidade: Programa ISA2. Tras a súa intervención, abrirase unha rolda de preguntas. O acceso ao encontro é de balde previa inscrición no enderezo eventos@cpeig.org.

TRAXECTORIA

Premiado hai dous anos polo CPEIG pola súa traxectoria profesional, Francisco García Morán é licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. Comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla e, despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Junta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986, onde continuou traballando na área da Informática. 

En 2001 foi nomeado director de Informática da Dirección Xeral de Persoal e Administración. Foi artífice da creación da Dirección Xeral de Informática, encargada da definición da estratexia TI da Comisión Europea, da que foi responsable a partir de novembro de 2005 ata febreiro do pasado ano. En marzo de 2013 converteuse en asesor da Comisión Europea, en calidade de xefe de Informática, centrado en áreas tan importantes como o eGoberno, as estratexias dixitais e a seguridade TIC. Traballa especialmente no apoio a Grecia para o desenvolvemento da estratexia dixital e do eGoberno grego. Tamén colabora na avaliación de proxectos sectoriais TIC para Grecia financiados con fondos estruturais europeos.

Exerceu como responsable do programa ISA (Interoperable Solutions for Public Administrations) e, representando a Comisión Europea, formou parte do Comité de Dirección de ENISA (European Network and Information Security Agency). Ademais foi membro do grupo de alto nivel HLEG (High Level E Transformation Group) do Banco Mundial e supervisor do CERT (Computer Emergency Response Team) desde 2012. Tamén representou a Comisión Europea ao máis alto nivel en múltiples conferencias internacionais.