Pasar al contenido principal

O Colexio felicita as novas promocións de grao e mestrado de Enxeñaría en Informática da FIC

foto graduacion FIC 2016

O pasado venres, día 10 de xuño, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, acudiu convidado ao acto de graduación das novas promocións do grao e do mestrado en Enxeñaría en Informática na Facultade de Informática da Coruña.

Ademais de darlles os parabéns aos novos enxeñeiros, Suárez Lorenzo referiuse ao compromiso dunha profesión que ten que "construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir información e coñecemento, para permitir a persoas, comunidades e pobos acadar o seu pleno potencial na promoción do seu desenvolvemento sostible e a mellora da súa calidade de vida".

"Nós, como enxeñeiras e enxeñeiros en Informática, debemos saber transmitirlle á cidadanía a transcendencia do noso traballo -afondou Suárez Lorenzo- e promover un sector TIC galego que desenvolva contidos, servizos e bens de equipo, e que permita xerar emprego de calidade e valor engadido a esta comunidade autónoma".

Na intervención que lles dirixiu aos presentes, relatoulles cómo o CPEIG defende os intereses profesionais das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática e na súa despedida lembrou, de xeito alentador, as verbas que Barack Obama pronunciou sobre Steve Jobs: "Era o suficientemente valente para pensar diferente, o suficientemente atrevido para crer que podía cambiar o mundo, e o suficientemente talentoso para facelo". "Penso que ese é o espírito que debemos transmitir", finalizou.