Pasar al contenido principal

O CPEIG congratúlase de que o Concello de Pontevedra riquira a titulación axeitada nunha convocatoria de prazas de Enxeñeiro/a

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) quere manifestar publicamente a súa satisfacción pola recente convocatoria, por parte do Concello de Pontevedra, dun proceso selectivo para ocupar prazas de enxeñeiro/a informático/a, no que a titulación requirida é axustada ás funcións do posto, é dicir, título de grao en enxeñaría informática ou equivalente, tal e como se pode ler nas bases.

Fronte a outras entidades públicas que convocan procesos selectivos para os mesmos postos requirindo case calquera tipo de titulación, o Concello de Pontevedra actúa de xeito rigoroso para garantir o bo desempeño das funcións descritas nas bases da convocatoria.

Cómpre lembrar o recurso potestativo de reposición interposto polo CPEIG o pasado 26 de maio contra a Resolución nº8221/2016, do 19 de abril do mesmo ano, pola que a Deputación da Coruña convocou o proceso selectivo para elaborar unha listaxe de "aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral temporal para postos de Técnico/a superior de Informática". A razón principal do recurso é que nas bases se fixa como requisito unha serie de titulacións que non garanten o bo desempeño do posto. Entre outras licenciaturas, a Deputación da Coruña admite a de Psicoloxía, Socioloxía, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo ou Económicas, ademais de posibilidade de que tamén se poidan presentar licenciados/as ou enxeñeiros/as en Informática.

Para o CPEIG os sistemas informáticos ocúpanse de cuestións estratéxicas e de importancia vital na vida das persoas, polo que "teñen que deixarse en mans de xente que estea suficiente e correctamente preparada".

En alerta

Desde o CPEIG animamos a todas as colexiadas e colexiados a que nos fagan chegar aquelas convocatorias de prazas de enxeñeiro/a en Informática que non se axusten aos requisitos que defendemos e, así, de xeito legal e contundente, denunciaremos ese tipo de actuacións que denigran a nosa profesión e poñen en risco a sociedade. O correo para realizar estas comunicacións é info@cpeig.gal.