Pasar al contenido principal

O CPEIG presentou o libro "Historia da Informática, unha cronoloxía", coa presenza do presidente da Xunta

Presentación Libro Historia Infomática Galicia

O CPEIG presentou o día 5 de xullo o libro "Historia da Informática. Unha cronoloxía", un acto no que estiveron convocados autoridades académicas e políticas, colaboradores, colexiadas e colexiados, ademais de representantes do sector TIC, baixo a presidencia do titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo. A presentación tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, Feijóo destacou a importancia da informática para a transformación económica de Galicia, "que xa é a quinta autonomía cun maior número de empresas tecnolóxicas". Deste xeito, reivindicou "o momento de esperanza" para o sector, que evidencia que "Galicia é un bo lugar para innovar".

O mandatario galego subliñou o concepto amplo de informática que propón o libro, cuxo desenvolvemento está a protagonizar "a maior transformación á que asistiu a Humanidade ao longo da súa historia", afirmou. Nese sentido, destacou a incidencia da tecnoloxía para "facer máis competitivas" as industrias estratéxicas para Galicia, como a do automóbil, e, ao tempo, desenvolver novas industrias intensivas en innovación, entre as que salientou as correspondentes aos sectores aeronáutico e biotecnolóxico.

Pola súa banda, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, lembrou que foi no ano 2013 cando Javier García Tobío, director xerente do Cesga e membro da Xunta de Goberno do colexio, lle propuxo a idea de achegarlle á sociedade a Historia da Informática en Galicia, xa que ao non estar recollida en ningures, a meirande parte das "historias" as coñecían persoas do sector, moitas delas xa se tiñan retirado do mundo laboral e, polo tanto, estaban en risco de perderse.

Recoller e salvagardar

"O obxectivo foi recoller e salvagardar a información desta historia con fins informativos e educativos. Para iso decidimos elaborar un libro e un repositorio de información no que se recollan os eventos mais salientables na historia do cálculo e tratamento da información no mundo en xeral e en Galicia en particular".

"Recoller toda esta evolución no presente libro converteuse para o CPEIG, máis que nun desafío, case nunha obriga", sentenciou o máximo representante do colexio. Ademais da enorme cantidade de información existente en hemerotecas, "temos a inmensa fortuna de poder contar co testemuño de moitos dos protagonistas desta revolución na nosa comunidade", subliñou Fernando Suárez.

Na súa intervención, o presidente do colexio destacou o "inesgotable e fantástico" labor de Javier García Tobío na coordinación, o excelente traballo desenvolvido por Henrique Neira nesta recompilación de documentación, así como a participación dos distintos colaboradores e entrevistados. Agradeceulle tamén ao presidente da Real Academia Galega das Ciencias,  Miguel Ángel Ríos, o prólogo que se incorporou á obra presentada e a Mar Pereira, directora da Amtega,  a súa colaboración. 

Primeiro achegamento

 "Historia da Informática en Galicia. Unha cronoloxía", é un primeiro achegamento á historia desta disciplina, que o CPEIG agarda ampliar no futuro, posto que é o primeiro produto dun proxecto máis amplo para recuperala e difundila.  Trátase dunha cronoloxía que, ao longo de máis de duascentas páxinas, busca mostrar que existe en Galicia desde hai séculos unha tradición de coñecementos de cálculos matemáticos e astronómicos; sistemas de numeración, de medida e de comunicación; construción, comercio e uso de aparellos de precisión como reloxos, autómatas e máquinas de calcular; estudo e produción de bibliografía científica; ensinanza e moitas profesións relacionadas. 

O  presidente da Real Academia Galega das Ciencias  explica no limiar: "Tras un notable e meritorio esforzo de recompilación de información, procedente de moi diversas fontes, esta organízase cronoloxicamente na dobre perspectiva mencionada e vaise debullando, época a época, ano a ano, atendendo aos fitos máis importantes, desde 42000 a.C.". 

Mediante o libro, o CPEIG  recolle e pon en coñecemento da sociedade  casos de éxito nos que Galicia é todo un referente. "Saber de onde vimos e valorar con satisfacción o noso protagonismo pasado é fundamental para poder tomar decisións que nos permitan ser líderes na construción da Sociedade do Coñecemento", destacou Suárez Lorenzo". 

Precisamente, a introdución do libro sinala que antes dos computadores houbo en Galicia na década dos cincuenta tabuladoras, e antes delas calculadoras electromecánicas e mecánicas, máquinas contables, máquinas de calcular, regras de cálculo, aritmómetros, libros de logaritmos e de contas axustadas, ábacos...

Os primeiros computadores utilizados na comunidade datan da década dos sesenta do século XX: o primeiro foi seguramente o computador analóxico EAI TR-20 que debeu comezar a utilizarse na Universidade de Santiago de Compostela no curso 1962-1963; nos anos seguintes varias empresas e institucións instalaron os seus propios computadores e en 1969 a propia Universidade incorporou un IBM 1130 dixital. 

O crecemento do sector da informática foi acompañado da formación dun gran número de profesionais: dos seus arquivos persoais recupéranse datos e imaxes que serviron para compoñer o libro que o CPEIG presentou.

Implicación de empresas e institucións

O CPEIG quere agradecerlles ás seguintes empresas e institucións a súa contribución como patrocinadores para que o libro –do que se editaron mil exemplares-  sexa unha realidade: Altia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Bahía Software, Cluster TIC de Galicia, Emetel, Epson, Everis, HPE-Intel, Indra, Oracle, Plexus, R, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.