Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Amtega levan o programa "Rapaciñ@s, a tecnoloxía ben segura" a seis cidades e vilas no mes de outubro

Logo Rapaciñ@s

"Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura" é unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O programa, que desenvolve xa a segunda edición, visitará parte de Galicia nos vindeiros días con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG, e obradoiros infantís baseados na tecnoloxía.

Por unha banda, nais e pais, ademais de docentes, atopan información e recursos de interese; por outra,  nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros tecnolóxicos para que se divirtan e aprendan.

As persoas interesadas en inscribirse nas xornadas de Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Lugo, Pontevedra e Vigo poden facelo no seguinte enderezo electrónico: eventos@cpeig.gal.

Lugares e datas

Ferrol Centro Sagrado Corazón 20/10/2016 17:45 a 19:45
A Coruña Centro Escolapios 24/10/2016 18:30 a 20:30
Vilagarcía CEIP Escardia 24/10/2016 18:00 a 20:00
Lugo IES Lucus Augusti de Lugo 21/10/2016 17:00 a 19:00
Pontevedra IES Xunqueira 1 25/10/2016 17:00 a 19:00
Vigo Colegio Público Javier Sensat 26/10/2016 16:00 a 18:00

Límites e oportunidades

A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.

Na enquisa feita aos asistentes das xornadas "Navega con Rumbo polo Ciberespazo", impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta  "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións naceu a iniciativa Rapaciñ@s.