Pasar al contenido principal

Voluntarios do CPEIG difunden con éxito a "Hora do Código" en centros escolares e na Universidade

Hora do Codigo

Voluntarios do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) difundiron, cun sobresaínte éxito de participación, a iniciativa "Hora do Código". Durante as últimas semanas organizáronse actividades de programación informática coa colaboración e apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, e da Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña. Nos obradoiros participaron de balde rapaces e rapazas de entre 3 e 17 anos de idade.

O CPEIG fai un balance moi positivo das actividades desenvolvidas, do número de asistentes e da boa acollida por parte das cativas e cativos. En total, a organización estima que uns 622 nenos e nenas asistiron ás charlas e obradoiros nos centros de ensino e nas dúas facultades durante estas semanas de difusión da "Hora do Código".

En canto aos centros escolares, os voluntarios do CPEIG visitaron os seguintes: CEIP Curros Enríquez de Celanova; CPR Sagrado Corazón de Celanova; CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo; IES San Mamede, Maceda; EIP de Vistahermosa, en Ourense, e CEP de Ventín, Milladoiro-Ames. Uns 400 rapaces asistiron a estas xornadas programadas polo CPEIG.   

O obxectivo da iniciativa foi estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñecesen os conceptos e o mundo no que viven, unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. 

Actividades na ESEI

Con ese mesmo obxectivo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense organizou o día 17 de decembro, en colaboración co CPEIG e en horario de mañá, distintos talleres que resultaron ser un éxito de organización e afluencia: unha hora de código para os máis pequenos, robótica para o alumnado de ESO e Bacharelato, impresión 3D para todas as idades e obradoiros de drons para alumnado de Bacharelato.  Asistiron 142 nenas e nenos de entre 6 e 17 anos de idade, máis 60 acompañantes adultos. 

No acto de benvida aos asistentes participaron Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da ESEI e tesoureiro do CPEIG; e Juan Otero Pombo, vicepresidente do CPEIG.

A Hora do Código UDC

Tamén o pasado sábado, celebrouse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña a segunda edición do evento "A Hora do Código UDC".   

Uns 80 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos deron os seus primeiros pasos na ciencia da computación nun ambiente distendido e lúdico, axudados por voluntarios de distintos centros da UDC e do CPEIG. Os adultos que os acompañaban tamén puideron coñecer de primeira man o divertida que pode ser a programación e algunhas ferramentas gratuítas para poder continuar a aprendizaxe durante o tempo libre dos novos estudantes. 

Ao final da xornada cada un dos participantes recibiu un diploma acreditando o seu esforzo, ante a atenta mirada dun robot NAO. 

Code.org

A "Hora do Código" está promovido desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. 

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: code.org.