Pasar al contenido principal

Achegamos a programación informática e a robótica aos nenos e nenas ingresados no CHUS

Obradoiro CHUS

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) levou o pasado día 2 de xaneiro ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela un obradoiro para achegarlles a programación e a robótica a un grupo de rapaces de entre 5 e 16 anos de idade que están ingresados. A experiencia, cuxo resultado foi moi positivo para a organización, actuou como piloto dun programa máis ambicioso que se pretende chegue a máis centros hospitalarios. 

No caso de hoxe, Javier Pereira, colexiado do CPEIG, encargouse de levar a cabo, de xeito voluntario, o obradoiro na aula informática do CHUS. Pereira realizou, en primeiro lugar, unha breve introdución aos conceptos de robótica e programación, acompañada de diferentes vídeos ilustrativos. Nunha segunda parte, as nenas e nenos probaron diferentes actividades e xogos elaborados coa ferramenta de programación Scratch, en combinación co Makey Makey e outros dispositivos tecnolóxicos como a webcam do ordenador ou un rato de control cefálico. 

O emprego destas ferramentas permite aprenderlles aos rapaces, de xeito fácil e dinámico, cómo programar o ordenador e crear os seus propios videoxogos, historias interactivas ou animacións. Durante esta mañá, o obradoiro programado polo CPEIG estimulou a creatividade e outras capacidades cognitivas, como son a resolución de problemas, a abstracción, o pensamento lóxico ou o razoamento. 

Uso responsable da tecnoloxía

As actividades programadas polo CPEIG permiten mellorar as habilidades de comprensión, a representación e a secuenciación da información, e o pensamento sistémico. 

Como é sabido, a programación e a robótica axudan as nenas e nenos a mellorar o seu rendemento académico, reforzando a aprendizaxe de múltiples contidos e conceptos académicos. Ofrecen tamén a posibilidade de desempeñar un papel máis activo e responsable no uso da tecnoloxía, nas súas actividades de xogo ou de ocio, ou mesmo no seu propio proceso de recuperación no caso dos doentes. Ao mesmo tempo, ao empregarse videoxogos colaborativos, promóvese a interacción entre os rapaces, brindándolles un espazo de desconexión e diversión.

 

Hoxe mesmo, o CPEIG cedeulle 3 kits Makey Makey ao hospital para uso das nenas e nenos ingresados.