Pasar al contenido principal

Logramos a modificación dun proceso selectivo da Deputación da Coruña para técnico superior de Informática despois de recorrelo

Logo Deputación Coruña

A Deputación da Coruña decidiu modificar a Relación de Postos de Traballo (RPT) despois de que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) interpuxese o pasado 26 de potestativo de reposición  contra a Resolución nº8221/2016, do 19 de abril do mesmo ano, pola que a Deputación convocaba o proceso selectivo para elaborar unha listaxe de "aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral temporal para postos de Técnico/a superior de Informática".  A razón principal do recurso foi que nas bases se fixaba como requisito unha serie de titulacións que non garanten, en absoluto, o bo desempeño do posto.

A continuación reprodúcese a resolución publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña:

ANTECEDENTES: O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia presentou recurso contencioso-administrativo contra a Resolución de Presidencia número 13689/2016 de 11 de xuño de 2016 pola que se desestimou o recurso de reposición presentado polo dito Colexio contra a Resolución número 8221/2016 de 19 de abril de 2016 pola que se convocou proceso selectivo para elaborar unha lista de aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral para postos de Técnico/a superior en informática. O obxecto dos recursos refírese ao apartado "requisitos" do dito proceso selectivo, onde se relacionan as titulacións requiridas para participar no mesmo e que coinciden exactamente coas recollidas na Relación de postos de traballo para 2016. Na vixente Relación de postos de traballo para o presente exercicio 2017, adecuáronse as titulacións aos postos tendo en conta a nova normativa sobre titulacións que fixa o "Plan Bolonia", utilizando ademais os criterios seguidos pola Administración central e autonómica ao respecto. Por todo o anterior,

RESOLVO: 1º.- Deixar sen efecto a convocatoria do proceso selectivo para elaborar unha lista de aspirantes a nomeamentos e/ ou contratacións de persoal laboral para postos de Técnico/a superior en informática publicada no BOP nº 78 de 26 de abril de 2016, e en consecuencia as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas publicadas no BOP nº 105 de 3 de xuño de 2016. 2º.- Convocar de novo o dito proceso selectivo substituíndo nas bases "requisitos" as anteriores titulacións polas recollidas na Relación de postos de traballo para 2017 que son: "licenciatura ou enxeñería en informática ou equivalente" previa aprobación das ditas bases pola Xunta de Goberno.

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2017/02/01/2017_0000000622.pdf

Motivos do recurso interposto polo CPEIG

A Deputación da Coruña admitía no primeiro proceso selectivo, entre outros estudos, o de Psicoloxía, Socioloxía, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo ou Económicas, ademais da posibilidade de que tamén se puidesen presentar licenciados/as ou enxeñeiros/as en Informática. Deste xeito, o CPEIG solicitou no seu día que "estime e acorde establecer coma requisito estar en posesión unicamente do título de enxeñeiro en Informática, eliminando o resto de titulacións sen ningunha conexión cos postos ofertados", como así foi finalmente.

Convén lembrar que o recurso presentado o pasado 26 de maio sinalaba o seguinte: "parecería absolutamente disparatado pensar que para deseñar unha ponte se ofertase un posto no que se admitise un licenciado en Dereito ou un xornalista. Pois exactamente iso é o que está facendo nesta convocatoria, tendo en conta que na actualidade os sistemas informáticos se ocupan de cuestións estratéxicas e de importancia vital na vida das persoas, polo que non poden ser deixados en mans de xente que non estea suficiente e correctamente preparada".

Éxito compartido

En opinión do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a modificación da RPT é "un éxito compartido entre todas as colexiadas e colexiados, quen, baixo o paraugas do Colexio, loitan, día a día,  polo recoñecemento da súa profesión e estudos". Para o máximo representante das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, a Deputación da Coruña actuou con responsabilidade ao facer a modificación e representa todo un exemplo a emular para outras administracións públicas.

Defensa da profesión

Mediante a interposición do recurso, o CPEIG atendeu os seus dous fins esenciais: a representación exclusiva da profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados/as, ademais de exercer "a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera administración pública, institución, tribunal, entidade e particular, podendo exercitar o dereito de petición conforme á Lei e propoñer cantas reformas lexislativas estime xustas para a defensa da profesión".