Pasar al contenido principal

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia celebra 10 anos de vida

decimo aniversario

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vén de constituír unha comisión para o deseño e posta en marcha das iniciativas relacionadas co décimo aniversario da creación do ente colexial, que se celebra no presente ano. Nas vindeiras semanas esta comisión difundirá as propostas consensuadas, labor para o que pide a colaboración das colexiadas e colexiados, que poden achegar as súas suxestións a través do correo electrónico informacion@cpeig.gal.

As 350 persoas que constitúen o CPEIG consolídano coma un dos colexios autonómicos cun maior éxito de colexiación entre todos os que aglutinan os profesionais da informática en España. Dentro da súas funcións representativas, cómpre sinalar que o Colexio galego ten un lugar destacado no Consejo de Colegios de Ingenieros en Informática  (CCII), no que ocupa a vicepresidencia desde a creación deste órgano.

A profesión, o primeiro

Constituído en decembro de 2007, o CPEIG é o medio a través do cal os profesionais do sector poden participar no ordenamento e regulación do ámbito da enxeñaría en informática.

Na curta pero frutífera traxectoria do Colexio, cabe sinalar como grande éxito ata o día de hoxe o logro da modificación dun proceso selectivo da Deputación da Coruña para técnico superior de Informática despois de presentar o oportuno recurso. A modificación supuxo cambiar o requisito de acceso, de xeito que a única titulación válida fose o título de enxeñeira ou enxeñeiro en  informática.

Ao longo desta década de traballo, foron numerosas as conversas con deputados, concellos e a Xunta de Galicia para acadar a igualdade de acceso dos titulados ás convocatorias públicas. Simbolicamente, anualmente celebra a "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", evento de referencia do sector TIC en Galicia no que se unen a defensa e a celebración da profesión.

Relacións coas universidades e as administracións

O CPEIG mantén unha interlocución continua coas tres universidades galegas e coa Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e coa Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA), ás que asesora a través da súa participación en distintos comités.

Son salientables tamén as relacións establecidas coa Administración pública tanto autonómica (Amtega, Consellería de Educación, Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral de Igualdade e departamento de Industria do Goberno galego) como provincial ( convenio coa Deputación de Ourense para asesorar nos proxectos de "Provincia Intelixente" e colaboración co programa "Smart Peme" de Pontevedra, coa que está pendente de asinar outro acordo) e concellos de toda Galicia.

Defensa dos colectivos desfavorecidos

Baixo a premisa dunha sociedade da información inclusiva e ao servizo das persoas, o CPEIG puxo en marcha unha serie de iniciativas. En relación ao colectivo feminino, destaca a aplicación para mulleres vítimas da violencia, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade; a impartición de cursos a través de Rede Emprende en Igualdade, tamén en colaboración coa Xunta; a creación do Premio Ada Byron para recoñecer o traballo das mulleres informáticas, e a constitución da Comisión de Igualdade, de funcionamento interno do Colexio.

En canto aos maiores, os colexiados imparten cursos de alfabetización e capacitación. En relación ás persoas con discapacidade, o CPEIG colabora coa asociación Down Compostela e Fundación Mapfre. Dentro dos seus galardóns anuais, creou o Premio eInclusión para recoñecer aquelas iniciativas tecnolóxicas a prol das persoas con diversidade funcional.

Un recordatorio especial merece o traballo desenvolvido en beneficio dos menores, con iniciativas coma son o "Navega con Rumbo", "Rapaciñ@s" e "Programación nas Escolas", ademais dun plan piloto que desenvolveu no Centro Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, con clases de programación e robótica para as nenas e nenos enfermos.

Vocación TIC

Para o CPEIG é un obxectivo difundir e fomentar a vocación TIC entre os máis novos, nomeadamente entre as rapazas. O feito de que o número de mulleres que se matriculan nas escolas e facultades de Enxeñaría en Informática diminúa curso tras curso representa un grave problema. De feito, ten realizado estudos sobre o asunto, ademais de apoiar iniciativas como "Girls in ICT Day" e desenvolver na web  "Rapaciñ@s"  o apartado "A quen te pareces ti?", para estimular a vocación TIC das rapazas.

Vantaxes colexiais

A pertenza ao CPEIG, á parte de unir forzas a prol da profesión e os intereses dos profesionais, significa acceder a unha serie de vantaxes en materia de hoteis, seguros e material informático, ademais da posibilidade de participación nas iniciativas de difusión da Sociedade da Información do Colexio, coa correspondente remuneración.

As persoas colexiadas tamén teñen acceso a formación específica e de calidade mediante prezos axeitados. Asemade,o CPEIG ten unha bolsa de emprego á que acoden recorrentemente as empresas TIC á busca de novo talento.

Presente nas asociacións e nos medios

O CPEIG participa nas asociacións tecnolóxicas de Galicia, é fundador do Cluster TIC e da Fundación CITIC, ademais de membro do consello asesor de INEO.

É un referente para os medios de comunicación, polo que a súa voz experta é requirida continuamente por xornais, televisións e radios sobre os temas de actualidade tecnolóxica. Tamén solicitan as súas intervencións asociacións de toda índole , incluídas as de nais e pais de centros educativos, para que imparta charlas por toda Galicia.

Para rematar, tamén hai que apuntar que o CPEIG participa como xurado en premios tecnolóxicos como a LaconNetwork ou La Nit de les Telecomunicacions i la Informatica e  colabora con canta iniciativa de formación e difusión se organiza en Galicia: First Lego League, María Pita DefCon, etc.

Toda a actividade desenvolvida polo CPEIG nesta década -"10 anos conectados", como se recolle no eslogan e o logo creados para esta conmemoración- terá ao longo de 2017 unha programación dirixida a recoñecer os colexiados e colexiadas, poñer en valor a profesión e incidir na defensa da mesma.