Pasar al contenido principal

Telefónica confía na empresa Teimas o impulso da xestión de residuos

Teimas

Telefónica iniciou a  dixitalización da xestión dos seus residuos en Europa e Latinoamérica, máis de 23.000 toneladas en 2016, un 12% menos. Como? Cunha ferramenta denominada GReTel (Gestión de Residuos de Telefónica), desenvolvida  por Teimas Desenvolvemento, única empresa española especializada no desenvolvemento de tecnoloxías para o sector da xestión de residuos.

A empresa Teimas resultou gañadora do Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG no ano 2015 e os seus fundadores son colexiados.

Que busca a dirección de Sustentabilidade de Telefónica con GReTel? Reducir aínda máis o seu impacto ambiental mediante plans de minimización de xeración de residuos, reciclaxe e reutilización interna de, principalmente, aparatos eléctricos e electrónicos. Desta forma, Telefónica dará un paso máis na súa estratexia de crecemento verde, en liña coas propostas que –especialmente desde a UE– reclaman a empresas e gobernos avanzar cara a un modelo de economía circular. Esta ferramenta xerará a información necesaria para conseguilo. 

A nova plataforma xa se puxo  en marcha en España e Colombia, e este ano iniciarase a súaimplementación nos outros 15 países nos que Telefónica ten presenza.

Telefónica conta cunha Política Ambiental que aplica a todas as empresas vinculadas ao Grupo e que marca as liñas a seguir para a redución dos impactos ambientais que poidan xerarse nas súas instalacións pola prestación dos seus servizos. Grazas á plataforma desenvolvida por Teimas, disporá dun rexistro de todos os residuos xerados nos seus centros de traballo, independentemente do país no que estean e a actividade que desenvolvan –oficinas, estacións base, centros de I+D+i...–, que lle permitirá xerar información útil como medicións, ratios de reutilización, valorización e reciclado de residuos, etc.

GReTel consiste no desenvolvemento e implementación dunha plataforma web de Xestión de Residuos, cuxo obxectivo principal é o de aumentar a valorización dos residuos xestionados mediante a dixitalización do proceso, así como a minimización dos  riscos asociados.

Este obxectivo  tradúcese no aumento dos ingresos pola venda de residuos, a diminución dos riscos de incumprimento legal en materia de residuos, que cada vez é máis esixente nos países onde opera Telefónica (Responsabilidade Estendida do Produtor), a mellora da eficiencia dos procesos de xestión de residuos e diminución da contaminación ambiental.

Que tipo de residuos ten Telefónica

Das máis de 23.500 toneladas de residuos xeradas por Telefónica en 2016, o 66% –máis de 15.500 toneladas– foron cables orixinados no proceso de transformación da rede, dos  que o 98% se reciclaron.

Mención á parte merecen os residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE),o fluxo de residuos que máis está aumentando en todo o mundo nos últimos anos, froito dunha sociedade cada vez máis tecnolóxica. Telefónica xestionou o ano pasado 5.247 toneladas de residuos electrónicos e equipos usados, xerados tanto pola propia compañía como polos seus clientes. Do total, un 27% foron reutilizados e un 69% reciclados para extraer e reaproveitar os seus compoñentes –os residuos electrónicos conteñen metais valiosos coma o ouro, prata ou cobre–. Tan só un 4%, principalmente materiais non recuperables, destináronse a vertedoiro ou incineración. O aumento da reutilización é un dos principais obxectivos que se perseguen.

Outros fluxos de residuos foron o papel e cartón, con 1.182 toneladas –a facturación electrónica permitiulle a Telefónica evitar o uso de 3.500 toneladas de papel, que supoñen a tala de 60.000 árbores–, ou certos residuos perigosos como baterías, que aínda que se xeran en menor cantidade, requiren un control rigoroso en canto á súa xestión e tratamento, debido ao seu potencial impacto no medio.

Estas cifras dan unha idea da importancia de levar un rexistro preciso da xeración de residuos dentro do grupo, así como do seu destino final, ao obxecto de desenvolver unha estratexia fundamentada nos principios da economía circular e a sustentabilidade ambiental.

Diversidade de normativas ambientais

Por outro lado, a ferramenta GReTel, dispoñible a través de internet e desde calquera dispositivo conectado á rede, facilitaralle a Telefónica o cumprimento das diversas normativas ambientais –especialmente complexas en materia de residuos– vixentes nos  diferentes países de Europa e Latinoamérica nos que opera.