Pasar al contenido principal

O CPEIG conmemora os seus 10 anos de vida nun acto que terá lugar mañá xoves en Santiago

logo 10

O  vindeiro 15 de decembro cumpriranse dez anos da creación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Mañá xoves, día 30 de novembro, un evento participativo celebrará a efeméride e rememorará cada ano desa década desde un punto de vista tecnolóxico. O encontro terá lugar a partir das 19.00 horas no Salón de Actos do Centro Abanca Obra Social, sito na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Asociacións, empresariado e cargos institucionais xa confirmaron a súa asistencia ao acto, no que acompañarán ás colexiadas e colexiados.

Baixo o lema "10 anos conectad@s", o CPEIG organizou ao longo de 2017 unha serie de actividades e actos dirixidos a celebrar a efeméride. O evento deste xoves será a culminación desas conmemoracións e estará conducido polo divulgador científico Manuel Vicente. Intervirán, por parte do CPEIG, Fernando Suárez, presidente, e Pilar Vila, vogal. A directora da Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega), Mar Pereira, pechará o encontro cunhas palabras.

No decurso do acto, darase conta dos fitos tecnolóxicos e informáticos acontecidos desde 2007 ata os nosos días, desde unha dimensión galega e internacional, así como desde o punto de vista do ente colexial. O presentador interpelará a varias persoas dos presentes para tecer unha pequena historia deses dez anos que marcan o comezo e madureza do CPEIG.

Intervenientes

Deste xeito, tamén participarán: Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol); Miguel Quelle, director de Retegal; Frankie Gomez, responsable de Lacon Network; Fernando Prieto, da empresa Gato Salvaje; Manuel González, presidente de Puntogal; Manuel Meijide, director de "Mundos Digitales"; Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e tamén vogal do CPEIG; e  José Ramón Méndez, profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial da UDC.