Pasar al contenido principal

O CPEIG organiza con Amtega e "Mundos Digitales" un taller de creación de personaxes de animación para rapaces de 14 a 18 anos

Taller de creación de personaxes

Impartido polos creadores de Tadeo Jones, celebrarase os días 5 e 6 de xullo no marco do congreso internacional no Palexco da Coruña

Para participar hai que enviar un debuxo dun neno e un monstro antes do 14 de xuño, e os 15 mellores deseños poderán asistir gratuitamente ao obradoiro 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un taller xuvenil de "Creación de personaxes. Do deseño 2D ao modelado 3D" conxutamente coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), que se celebrará os días 5 e 6 de xullo no Palexco da Coruña dentro das actividades da XVII edición do Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media –Mundos Digitales–, o evento de referencia para a industria da animación e efectos visuais en España dirixido e impulsado por Manuel Meijide.

 

Este taller, impartido polos creadores de Tadeo Jones, é unha actividade enmarcada no programa TechKids do CPEIG con Amtega. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.

 

Os participantes poderán usar calquera técnica artística, materiais e soportes

 

O taller, de seis horas de duración, está destinado a rapaces e rapazas de 14 a 18 anos que soñan con ser deseñadores de personaxes. Para participar os interesados deben enviar un debuxo dun monstro e un neno ou nena. Os 15 mellores deseños serán seleccionados para participar de maneira gratuíta neste obradoiro. Aceptaranse deseños de personaxes realizados con calquera técnica artística e materiais (lapis de cores, rotuladores, pastel, témpera, collage, etc.) e en calquera formato ou soporte (papel, cartón, dixital, etc.).

 

O prazo de presentación de deseños finaliza o 14 de xuño. O xurado –composto por un representante do CPEIG, un membro de AMTEGA e un representante de Mundos Digitales– valorará a creatividade, estilo, imaxinación, personalidade e expresión. Os finalistas daranse a coñecer a partir do 18 xuño 2018. 

 

Máis información e inscricións:

 

https://www.mundosdigitales.org/2018/es/actividades/kids&teens/personajes.html