Pasar al contenido principal

CPEIG e Amtega afondan na e-Administración desde unha perspectiva técnico-xurídica para mellorar o rendemento da Administración

Inauguración do Curso Superior de Administración Electrónica

Fernando Suárez, presidente do CPEIG: "Os seus principios fundamentais son a inmediatez e proximidade na comunicación e unha maior eficacia e transparencia na actuación das Administracións Públicas"

 

 

Inauguraron o Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 27 de novembro na EGAP

 

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inauguraron o pasado mes de outubro o "Curso Superior de Administración Electrónica". O acto, que estivo aberto ao público en xeral, celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, e estivo presidido pola directora de Amtega, Mar Pereira Álvarez, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.

Fernando Suárez explicou que as TIC modificaron substancialmente o paradigma baixo o que se desenvolve a actividade das Administracións Públicas, sexan locais, autonómicas, estatais ou internacionais. "Este novo contexto obriga ás Administracións a adaptar o seus modelos organizativos e a relación cos cidadáns, pero tamén require profesionais con competencias para abordar estes cambios de maneira axeitada e eficaz" –sinalou–.

Ademais, o presidente do CPEIG describiu á administración electrónica como unha realidade sociolóxica e política, froito do uso da informática no ámbito do sector público. "Inmediatez e proximidade na comunicación e unha maior eficacia e transparencia na actuación das Administracións Públicas son os seus principios fundamentais" –asegurou–.

En relación ás últimas normativas que regulan a actividade administrativa e a regulación institucional en xeral, Fernando Suárez explicou que o aspecto máis destacado da nova regulación consiste na consolidación dos medios electrónicos como a pauta xeral na tramitación administrativa. "Un rexistro electrónico, unha cita automatizada, un rexistro de poboación instantánea ou o pago de impostos desde un sitio web son pasos importantes no camiño da administración electrónica, pero non teñen sentido se non forman parte dun proceso común, interoperable, seguro e consolidado" –destacou–. Pero para facer esta transformación profunda na xestión administrativa, o presidente do colectivo apuntou que existen necesidades de formación entre os empregados públicos das distintas Administracións.

Mar Pereira sinalou que a formación é unha das liñas de actuación do Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co que se está a consolidar o proceso de transformación dixital da Administración e lembrou que a Amtega colabora coa EGAP na posta en marcha dun Plan para reforzar a formación do empregado público no ámbito da Administración dixital e da Protección de Datos, que a finais de ano terá ofrecido 1.200 horas formativas a través de 55 cursos presenciais e online.

 

A directora da Amtega subliñou que a importancia da formación reflíctese na futura Lei de Administración Dixital de Galicia, actualmente en tramitación, que contempla un Plan de Capacitación Dixital para garantir aos empregados públicos o acceso á formación necesaria para desempeñar a súas funcións nun contexto dixital.

 

Neste sentido incidiu en que no proceso de dixitalización é tan importante implantar novos sistemas e garantir a súa dispoñibilidade como intensificar o seu uso. O Plan apunta a un incremento no uso dos servizos dixitais tanto dentro e fóra da Administración. A nivel interno no primeiro semestre do ano os empregados públicos realizaron, 3,3 millóns de consultas á Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, un 113% máis que en 2017 e ten 61 servizos dispoñibles;  máis de 137.000  notificacións electrónicas, case o triplo do mesmo semestre de 2017 e asinaron  máis de 1,1 millóns de documentos electronicamente.  Por parte dos cidadáns, Pereira destacou que este ano, por primeira vez as xestións online coa Xunta superan as presenciais.

Pola súa parte, Sonia Rodríguez-Campos indicou que para alcanzar unha Administración eficaz hai que conseguir a consolidación da Administración electrónica, pero ante as dificultades da súa implantación sinalou que se debe ter en conta o punto de vista dos usuarios, coñecendo os medios e coñecementos cos que contan, e o da Administración que debe facer máis investimento e formación de persoal para atender as dúbidas dos cidadáns.

O "viaxe do cidadán" e a súa percepción do funcionamento da Administración electrónica

A continuación, celebrouse un relatorio maxistral, titulado "Presente e futuro da administración electrónica", que foi impartido polo socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González Luis. Realizou un percorrido pola evolución da Administración electrónica nos últimos dez anos e sinalou os retos que aínda quedan por resolver e analizou o estado da e-Administración en España a nivel de Comunidades autónomas e Deputacións.

O experto comezou realizando un repaso polo proceso de transformación dixital no sector privado, para a continuación incidir na necesidade de empurrar ao sector público cara este camiño, xa iniciado co desenvolvemento lexislativo que lle permite pasar do mundo analóxico ao dixital.

O consultor explicou que o obxectivo é ofrecer aos cidadáns e ás empresas uns servizos públicos "proactivos" a través dunha Administración Pública "modernizada e máis eficiente". Con conceptos como a "viaxe do cidadán", González Luis subliñou a importancia de coñecer a percepción que o cidadán ten do funcionamento da Administración electrónica e de que os servizos tecnolóxicos que ofrece estean adaptados á sociedade para permitir un aforro de tempo e recursos económicos.

Formación para 80 empregados públicos

O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa Comunidade. O obxecto é integrar de maneira transversal todos os ámbitos que se relacionan coa administración electrónica: tecnolóxicos, xurídicos, políticos, organizativos e comunicativos, entre outros.

Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática. O presidente do CPEIG sinala que o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso. "Esta formación capacitará a todos os alumnos para implementar proxectos de administración electrónica, avaliar o seu impacto sobre a calidade dos servizos e para que contribúan a mellorar o rendemento da administración e as políticas públicas" –apuntou–.

A formación, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Celebrarase de forma semipresencial do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.