Pasar al contenido principal

Necesítanse máis enxeñeiros informáticos e cada día hai menos estudantes

Logotipo Enxeñeria en Informática

As ofertas que buscan este perfil son cada vez maiores e as empresas teñen, cada día máis, problemas á hora de atopar profesionais do sector, debido á falta de titulados. Segundo datos deste ano da consultora de recursos humanos Adecco, as profesións asociadas ao sector TIC son as máis solicitadas polas compañías.

Segundo un informe recentemente presentado pola Fundación Observatorio para a Sociedade da Información de Cataluña (FOBSIC), a un 35% das empresas do sector sempre lle custa atopar traballadores cualificados do sector TIC.

As perspectivas non son moi prometedoras para as empresas, aínda que si para os profesionais que buscan ocupación. Segundo a terceira edición do informe "Os máis buscados" de Adecco, a oferta de postos de traballo do sector TIC excedeu á demanda, e continuará sendo unha das profesións máis demandas polas empresas durante 2008. Un dos motivos que destaca o estudo para este aumento de ofertas de traballo de profesionais informáticos é o feito de que as empresas apostaron polas ferramentas informáticas para o seu crecemento, así como unha aposta firme en I+D. A penetración da informática en todos os sectores da sociedade é imparable, o que levará a que os profesionais informáticos cunha alta cualificación sexan moi apreciados.

Malia estes datos, existe unha grande falta de enxeñeiros informáticos para cubrir as ofertas do mercado laboral. Non hai titulados, malia as boas perspectivas que teñen os enxeñeiros informáticos, xa que son moitas as súas posibilidades laborais. Segundo a decana da Facultade de Informática de Barcelona, María Ribera Sancho, "cada día hai menos novos que queiran estudar unha enxeñaría como a informática, e isto é un problema de falta de concienciación social, xa que a informática, como todos sabemos, é fundamental para o desenvolvemento da sociedade".

Un cóctel moi perigoso

Esta alarma non só resoa para as empresas que buscan enxeñeiros informáticos, senón para todo o sector TIC, xa que a día de hoxe fan falta uns 30.000 profesionais, un déficit que en 2010 pode chegar a elevarse ata os 300.000, segundo un estudo da Comisión Europea. O descenso do índice de natalidade notouse bruscamente nos campus universitarios, que nas últimas décadas empezaron pouco a pouco a despoboarse. Ademais, dende o estalido da burbulla tecnolóxica os mozos non encontran tan interesantes as ocupacións do sector. É unha mestura explosiva que pode afectar directamente o crecemento da industria e, polo tanto, do país.