Pasar al contenido principal

O CPEIG solicita a inclusión da enxeñaría en informática nas escalas de enxeñeiros da Lei de Emprego Público de Galicia

Fernando Suárez Presidente CPEIG

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) solicita aos partidos políticos galegos, con representación no Parlamento de Galicia, a inclusión da enxeñaría en informática como unha das especialidades das escalas de enxeñeiros da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia (LEPG). Esta petición realízase con motivo do novo período lexislativo e executivo que se abrirá tralas eleccións autonómicas do 12 de xullo.

 

O CPEIG considera imprescindible que a enxeñaría en informática figure como requisito de titulación na escala de sistemas e tecnoloxía da información e na escala de xestión de sistemas de informática, ambas recollidas na citada Lei de Emprego Público de Galicia. “É unha demanda de xustiza, beneficiosa para a propia Administración galega e para o conxunto da nosa sociedade” –explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez–.

 

Nesta liña, Suárez sinala que o impulso cara unha regulación efectiva da profesión permitirá que Galicia se sitúe cada vez máis “como innovadora e referente no ámbito tecnolóxico”, xa que no actual contexto da pandemia global as tecnoloxías da información, da man da enxeñaría en informática, amosáronlle á sociedade o seu papel fundamental como servizo básico. “As tecnoloxías da información non só vertebran e permiten o funcionamento das sociedades modernas, como a galega, senón que tamén permitiron reducir o impacto da pandemia habilitando que se puidese teletraballar, impartir docencia de xeito remoto, continuar co funcionamento dos servizos básicos e dos medios de comunicación ou manter o contacto cos nosos seres queridos” –explica Suárez–.

 

Actualmente, a escala de enxeñeiros do sector público galego establecida na LEPG inclúe as especialidades de enxeñarías de camiños, canais e portos, agronómica, industrial, de minas, montes e de telecomunicación. Ademais, o CPEIG lembra que as escalas xerais de sistemas e tecnoloxía da información e de sistemas de informáticas teñen na actualidade como requisito de titulación “licenciado, graduado ou diplomado nunha titulación de calquera rama”, aspecto que o colexio profesional considera anómalo para o obxectivo que persegue a Administración autonómica de dotarse de profesionais que lle permitan avanzar de xeito seguro e veloz cara a dixitalización, a prestación de servizos públicos dixitais e a administración dixital. 

 

Así se demostrou en 2019 coa aprobación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (LEDIXGA), máis avanzada que a norma estatal e consagrando un papel aínda maior ás tecnoloxías e sistemas da información dentro do sector público autonómico galego.

 

Ademais da lóxica aceleración da dixitalización da administración pública trala pandemia, o sector público galego leva máis dunha década impulsado a dixitalización do tecido empresarial, con iniciativas como a “Industria 4.0 / Fábrica Intelixente” para a aplicación de tecnoloxías da información avanzadas ao sector industrial, como a Big Data ou a Intelixencia Artificial.

 

Como antecedente, xa consta que no marco da elaboración e trámite da Lei de Orzamentos de Galicia para o ano 2020, os sindicatos CCOO e UGT propuxeron modificacións na Lei de Emprego Público, cunha alegación específica para engadir a especialidade de enxeñaría en informático dentro da escala de enxeñeiros: “dispoñer dun corpo e escalas de enxeñeiros en informática que permitan liderar, xestionar e supervisar as ferramentas de administración electrónica da administración galega, así como os proxectos de tecnoloxías da información que se promoven dende a mesma”.  Esta e outras alegacións foron presentadas por diversos grupos durante o trámite parlamentario, pero finalmente non foron recollidas no texto final da LEPG.

 

Do mesmo xeito, o CPEIG lembra que esta oportunidade tamén está avalada polo poder xudicial, de xeito que os Tribunais Superiores de Xustiza amparan que sexan os enxeñeiros e as enxeñeiras en informática quen desempeñe o papel de supervisión, xestión e control dos sistemas e tecnoloxías de información dentro das Administracións.

 

Regulación da profesión

 

Aínda que a actualmente a enxeñaría en informática non é unha profesión regulada, o CPEIG asegura que esta circunstancia non representa impedimento para a inclusión desta especialidade na escala de enxeñeiros. Fernando Suárez explica que a falta de regulación da enxeñaría en informática deriva de que a lexislación de regulación das enxeñerías aprobouse nos anos oitenta e, de momento, aínda non se actualizou conforme aos cambios na sociedade e á súa dixitalización.  Así, xa en 2009 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposta non de lei para instar ao Goberno do Estado á regulación da enxeñaría en informática.