Pasar al contenido principal

Uxía Ferreiro Veloso, de Culleredo, gaña o concurso de postais de Nadal do CPEIG

Postal 2021

O debuxo desta rapaza de 11 anos será a postal institucional coa que o Colexio felicitará as festas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou o décimo Concurso de Postais de Nadal 2021. O xurado do certame acordou, por unanimidade, elixir como postal oficial do CPEIG o debuxo de Uxía Ferreiro Veloso, que participou na categoría A dirixida a nenos en nenas de entre 3 e 12 anos.  

A postal de Uxía, unha rapaza de 11 anos de Culleredo, foi presentada polo seu pai, o colexiado Gabriel Ferreiro Pena. O debuxo é un reno, con máscara tal e como é preciso actualmente polas condicións sanitarias que marca a pandemia, engalanado con luces de Nadal que representan os 0 e 1 da programación informática. De agasallo a rapaza recibirá unha tablet.

O traballo de Uxía será a postal oficial coa que o CPEIG felicitará as festas do Nadal este ano, acompañada da lenda: Cos mellores desexos de paz e prosperidade, a Xunta de Goberno do CPEIG deséxalle Bo Nadal e Feliz Ano 2022.

Na categoría B do certame, para rapaces de entre 13 e 18 anos, resultou gañadora a postal de Laura Giz Castro, de 13 anos e natural de Lugo, que presentou no seu nome seu pai, o colexiado Antonio Giz. O debuxo retrata a un Papá Noel Dj polo que recibirá de premio uns auriculares sen fíos.