Pasar al contenido principal

O CPEIG organiza un taller de robótica para nenas e nenos ingresados no CHUS con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil

Taller no CHUS

Celebrouse o 15 de febreiro na Aula Hospitalaria do hospital de Santiago, en colaboración con ASANOG

Fernando Suárez, presidente: “A tecnoloxía supón para estes pequenos unha válvula de escape”

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou o martes, 15 de febreiro, un taller de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con cancro ou outras enfermidades, con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil e en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG). O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato. “A tecnoloxía supón para estes pequenos unha válvula de escape” –indicou–.

O taller, dirixido a nenas e nenos de 6 a 14 anos, foi impartido por Pablo Novoa e Carlos Santodomingo da empresa Captioma Galicia. Ten unha orientación pedagóxica e un formato lúdico co obxecto de que os máis pequenos entren en contacto coa tecnoloxía. Empregáronse robots orientados a aprender a programar desde un punto de vista educativo, como os sistemas de aprendizaxe de Lego Education, mBot ou as placas electrónicas como Arduino.