Pasar al contenido principal

O formato de documento PDF xa é estándar universal

O formato PDF xa é unha norma ISO. O organismo internacional de estandarización publicou a principios de xullo as especificacións de ISO 32000-1, que equivale á versión 1.7 de PDF, a última realizada pola multinacional estadounidense Adobe Systems, desenvolvedor de Acrobat, Illustrator e Photoshop. A partir de agora, calquera actualización do formato corresponderá ao grupo de traballo con sede en Xenebra (Suíza) que define e desenvolve os estándares técnicos mundiais.

Xa existían subconxuntos de PDF normalizados, pero que só garantían o acceso a longo prazo dun documento (PDF/x) ou a posibilidade de imprimilo en calquera impresora con independencia do seu fabricante (PDF/A). Agora, a norma ISO 32000-1 dá acceso a todas as funcionalidades do formato. Entre elas, destacan a preservación do documento con independencia do aparato e a plataforma. A capacidade de mesturar contidos de diferentes fontes de audio, vídeo, animación, fotografías...; a súa edición colaborativa multiplataforma; o uso da sinatura electrónica autenticada e mecanismos de seguridade para preservar o contido mediante contrasinais ou DRM, de maneira que o seu emisor controle quen accede a el remotamente. Ademais, é unha norma que cumpre as recomendacións de accesibilidade; permite transformar o documento a outros formatos de texto e imaxe e incorpora etiquetaxe XML para a súa integración nos sistemas empresariais.

Flash nos buscadores

Coas especificacións normalizadas, calquera desenvolvedor poderá crear programas que sirvan para visualizar ou xerar PDF. Tamén Adobe, que en xuño presentou a última versión en inglés do seu xerador. Acrobat 9.0 (en español sairá en agosto) mellora os formularios electrónicos e a seguridade, permite interrelacionarse con servizos online, e tamén incorporar animacións en Flash.

Flash é case un formato estándar da animación nas webs. Creado por macromedia, Adobe adquiriu esta compañía por 3.400 millóns de dólares en 2005. A multinacional, que calcula que o 98% dos ordenadores conectados a Internet teñen a aplicación instalada, foi abrindo partes do formato de animación. A semana pasada, cedeu parte do seu código a Google e Yahoo! O obxectivo é que non sexa necesario que os programadores inclúan textos nas súas animacións para que os buscadores as recoñezan e as mostren nos seus resultados. Con esta medida, as animacións Flash aparecerán nos buscadores. Fontes da compañía explican que probablemente se seguirá a política de PDF con Flash, é dicir, que rematará cedéndose a ISO para que deixe de ser un estándar de facto e se converta nunha norma.

A política de apertura beneficia a súa conta de resultados. No segundo trimestre alcanzou uns ingresos de 886,9 millóns de dólares, o 19% máis que no mesmo período de 2007. Os resultados, mellores do previsto, responden "á diversificación do negocio", segundo Shantanu Narayen, o conselleiro delegado.