Pasar al contenido principal

Asinado un convenio de colaboración entre o CPEIG e o Centro de Iniciativas Empresariais Mans da Fundación Paideia Galiza

Centro CIE Mans

As colexiadas e colexiados terán descontos para estancias nos servizos de coworking Mans e nas oficinas da Coruña e Padrón, ademais de no aluguer do Plató de Estudios Mans

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o Centro de Iniciativas Empresariais Mans (CIE Mans) da Fundación Paideia Galiza asinan un acordo para regular a colaboración entre ambas partes en relación coas condicións vantaxosas que o CIE Mans aplicará ás colexiadas e colexiados do CPEIG. Asinaron o convenio o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara.

As colexiadas e colexiados do CPEIG poderán gozar de descontos para estancias e alugueres, tanto nos servizos de coworking Mans que dispón nos seus centros de A Coruña e Padrón, como en oficinas. Tamén poderán beneficiarse de descontos nas tarifas do alugueiro do Plató de Estudios Mans, un estudo de gravación para impulsar o sector audiovisual e musical en Galicia. O acordo terá unha vixencia dun ano, aínda que se poderá prorrogar automaticamente.

O CIE Mans é un espazo de coworking que busca a promoción e apoio de proxectos empresariais. Pretende ser xermolo e marco para a promoción e desenvolvemento económico, produtivo, social e cultural de sectores empresariais emerxentes e innovadores. Pon á disposición de empresarios e emprendedores un espazo cómodo e flexible nun entorno exclusivo e próximo a outras empresas que desenvolvan actividades complementarias. Os seus obxectivos son fomentar o intercambio de información e experiencias entre os emprendedores e facilitar o desenvolvemento do tecido empresarial en Galicia apoiando á innovación nos distintos proxectos empresariais e contribuíndo á creación de emprego en sectores innovadores, diferenciados e estratéxicos.

Máis información sobre o CIE Mans: https://www.manspaideia.com/