Pasar al contenido principal

O CPEIG celebrará a gala “A NOITE” o 16 de xuño en Santiago de Compostela coa entrega anual dos premios da profesión

XV NOITE

Reuniranse uns 350 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de visibilizar a profesión de enxeñaría en informática

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa "XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 

No marco da gala entregaranse os Premios da Noite (https://anoite.gal/), con once categorías nas que as colexiadas/os recoñecen iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. As persoas, organismos e entidades distinguidas en 2022 foron: o director de Enxeñaría de Seguridade de Google, Bernardo Quintero Ramírez; as enxeñeiras en informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Olivaras; o xefe da Subárea da Seguridade da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva Iglesias; o mozo enxeñeiro en informática Íñigo López-Riobóo Botana; a empresa Manfred; o proxecto Equipos @ enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior; o videoxogo ‘The Waylanders’ de Gato Studio; o estudo “Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades” de UNICEF España/USC/CCII, o Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales no seu 20 aniversario; e a compañía TRISON; a plataforma ‘IT4Ukrainians.com’; a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia; os programas #IMPACT da Fundación GoodJob; a rede Dinapsis de Viaqua; e o grupo SING.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.