Pasar al contenido principal

O CPEIG celebra a súa noite enxalzando á enxeñaría en informática como a “forza impulsora do progreso” que revoluciona industrias enteiras, crea emprego e fomenta empresas innovadoras

Foto de familia A Noite 2023

Fernando Suárez, presidente: “A profesión ten o potencial de transformar a sociedade, pero debemos asegurarnos de utilizar ese poder para o ben común, protexendo a privacidade, promovendo a equidade e garantindo a seguridade nun mundo dixital cada vez máis complexo”

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou hoxe a súa ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 350 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o CPEIG mostra á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 

Foron trece as distincións anuais que se entregaron hoxe na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O enxeñeiro informático Diego Cid; a enxeñeira informática Verónica Bolón; o CIO da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Eduard Martín; o Colegio de Ingenieros en Informática de Asturias; o Ministerio de Sanidad; a empresa Navantia; a plataforma formativa Code.org; o Grupo Calvo; a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; a start-up Envita; a Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) a través da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, Nodo GalicIA da Xunta de Galicia e Concello da Coruña; o enxeñeiro informático Rubén Pérez Jove; as empresas Cisco, Eviden, Inforhouse, R e Vodafone; e a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, Amparo Alonso, son as persoas, organismos e entidades distinguidas.

Así, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, agradeceu a presenza de todos os invitados na entrega dos premios da enxeñaría en informática, xuntanza na que se celebran os logros e recoñecementos de “persoas excepcionais e entidades de vangarda” que demostraron dedicación, paixón e talento nos seus esforzos. “Rendemos un merecido recoñecemento á excelencia como denominador común de todas e todos os premiados neste punto de encontro entre mentes creativas, innovadoras e líderes nos seus respectivos campos brindando a posibilidade de crear sinerxías e establecer novas colaboracións” –apuntou–. 

Agradeceu a confianza das entidades patrocinadoras da gala nestes 15 anos da Noite e o seu compromiso co avance da enxeñaría en informática e manifestou que “a súa dedicación e apoio son fundamentais para o crecemento e a evolución da nosa industria”.

Analoxía entre a enxeñaría en informática e o bambú

“A enxeñaría en informática transformou por completo a forma na que vivimos, traballamos e nos relacionamos. Cada día somos testemuñas do poder da tecnoloxía e de como inflúe nas nosas vidas”. Con esta contundente sentencia se dirixiu Fernando Suárez a un auditorio repleto de entidades e empresas tecnolóxicas, destacando os avances en intelixencia artificial e aprendizaxe automática ata o desenvolvemento de aplicacións móbiles e a cibeseguridade. Aínda que tamén lembrou que a enxeñaría en informática non trata só de tecnoloxía, programas e algoritmos, senón que explicou que detrás de cada liña de código hai seres humanos que traballan incansablemente, enfrontando desafíos e colaborando para lograr resultados extraordinarios. 

Para explicar máis en detalle o valor da enxeñaría en informática, Fernando Suárez, formulou un símil co ciclo de maduración do bambú xaponés, unha planta que, tras ser sementada, abonada e regada constantemente, tarda sete anos en emerxer da terra, pero tras ese período crece de repente máis de 30 metros grazas ao seu complexo sistema de raíces. Con esta idea de fondo, o presidente sinalou que a clave do éxito é loitar pacientemente e con perseveranza, xa que asegurou que o éxito non é máis ca un proceso que leva tempo e dedicación e que esixe aprender novos hábitos e obriga a descartar outros. “Nun mundo cada vez máis dixital, a enxeñaría en informática converteuse nunha forza impulsora para o progreso, revolucionando industrias enteiras, creando novas oportunidades de emprego e fomentando  a creación de empresas innovadoras. A demanda de profesionais neste campo continúa en aumento, e é imprescindible que sigamos inspirando ás xeracións futuras a abrazar o poder da tecnoloxía e converterse nos enxeñeiros informáticos do mañá” –indicou–.

Como non podía ser doutra maneira, Fernando Suárez tamén analizou os desafíos da profesión, centrados na ética e a responsabilidade. “A enxeñaría en informática ten o potencial de transformar a sociedade, pero debemos asegurarnos de utilizar ese poder para o ben común, protexendo a privacidade, promovendo a equidade e garantindo a seguridade nun mundo dixital cada vez máis complexo”.

Esta décimo quinta edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG, e contou coa asistencia do ministro de Sanidad, José Miñones; o concelleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo; o delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local do Concello de Santiago, Marta Abal; o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo Costa; e o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo (UVigo), José Luis Míguez.

Tamén asistirán o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; a directora da Agencia Española de Protección de Datos, Mar España Martí; e o secretario do Consoo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática (CCII), José García Fanjul; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exerceron como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG. 

Ademais, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que non puido asistir á gala, quixo dar a benvida aos convidados cun saúdo institucional a través dun vídeo, á vez que pronunciou unhas agarimosas palabras para o Colexio de agradecemento polo traballo que fai, o labor de divulgación e a disposición para colaborar coa Xunta: “Nestes últimos anos o mundo está mudando a pasos de xigante. As novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, tan de moda agora, a xestión de datos ou a innovación sanitaria e educativa supoñen grandes saltos adiante que nos están permitindo mellorar a eficacia das organizacións e, sobre todo, a vida das persoas. Esta evolución é grazas a vós, comezando polo premiados que hoxe reciben o seu merecido galardón, a todo o ecosistema que fai isto posible, empresas, sistema universitario, traballadores do sector e Administración Pública. Este é un traballo en equipo, como foi o caso da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, un logro colectivo que será un antes e un despois para o sector e toda Galicia”.

A gala foi presentada por Luis Piedrahita (A Coruña, 1977), artista multidisciplinar, humorista, escritor, ilusionista, presentador e director de cine. Tamén os asistentes desfrutaron coa actuación do grupo galego de covers de rock e soul, os coñecidos Broken Peach.

https://www.cpeig.gal/http://www.anoite.gal