Pasar al contenido principal

Aberta ata o 18 de xaneiro a inscrición final para participar na Olimpíada Informática Galega

OIG 2024

O certame, organizado polo CPEIG coa colaboración das Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago e o CITIC, celebrarase o 3 de febreiro na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense

Os dous primeiros clasificados asistirán á Olimpíada Informática Española que se celebrará do 15 ao 17 de marzo en Sevilla

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade de Vigo (UVigo), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago (USC)– e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, organizará a Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024) o vindeiro 3 de febreiro. 

O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade. 

A olimpíada celebrarase de xeito presencial na mañá do sábado, 3 de febreiro, na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (Edificio Politécnico s/n. Campus de Ourense) de 10:00 a 14:30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. A organización da OIG pechou a preinscrición do certame con 20 participantes, e abre hoxe e ata o 18 de xaneiro a inscrición final para a que aínda quedan 16 prazas dispoñibles.

A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo de 2024 na  Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará setembro de 2024 en Exipto. 

A olimpíada deste ano está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO. 

    Consulta de dúbidas: informacion@cpeig.gal
    Máis información e inscricións: https://oig.gal/