Pasar al contenido principal

Recomendacións do CPEIG para facer un uso responsable da tecnoloxía en Radio Rosiña do CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos, no marco do programa Navega con Rumbo

Radio Rosiña do CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos

O vogal do CPEIG, Iván Luis Vázquez, participou o pasado 25 de abril nun programa de radio sobre o uso das redes sociais, dispositivos electrónicos e a relación coa saúde mental no CEIP Víctor Sáenz de Mazaricos, no marco do programa Navega con Rumbo (https://navegaconrumbo.cpeig.gal/) desenvolto polo Colexio profesional e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

O directivo entrou por videoconferencia en Radio Rosiña, iniciativa do programa Radio na Biblio durante o curso 2023-2024 do centro mazaricano. Os alumnos están a profundar, desde outubro de 2023, nesta temática do uso das redes sociais, dispositivos electrónicos e a relación coa saúde mental, realizando diversas actividades de investigación (enquisas as familias e ao propio alumnado, procura de información, entrevistas ao profesorado...).  Así, elixiron realizar esta entrevista a un axente experto para que lles trasladase información rigorosa sobre o bo uso das tecnoloxías. 

Unha vez o alumnado finalice a investigación creará un podcast final, con toda a documentación recollida e as súas propias conclusións e propostas para converterse así en axentes activos do cambio nas súas contornas. Este podcast difundirase posteriormente desde o colexio para que as voces dos nenos e nenas sexan escoitadas e tidas en conta.

Baixo o compromiso de promover e recoñecer o dereito universal da participación da infancia, o centro escolar desenvolve esta iniciativa que trata de fomentar un espazo dentro do colexio que é próximo e motivador para o alumnado, onde poden expresar as súas opinións sen intermediarios. A través da radio, o alumnado investiga e analiza os temas que lles preocupan.