O certame, organizado polo CPEIG coa colaboración das Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago e o CITIC, celebrarase o 15 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC
Os dous primeiros clasificados asistirán á Olimpíada Informática Española que se celebrará do 4 ao 6 de abril en A Coruña
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade de Vigo (UVigo), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago (USC)–, organizará a Olimpíada Informática Galega 2025 (OIG 2025) o vindeiro 15 de febreiro.
O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.
A olimpíada celebrarase de xeito presencial o sábado 15 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da US, en horario de 10:00 a 14:30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo.
A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.
O número máximo de participantes na OIG 2025 será de 40. No caso de que o estudantado preinscrito supere ese número, a selección das 40 persoas participantes realizarase por orde de preinscrición. Neste caso, a listaxe de persoas seleccionadas e a lista de agarda darase a coñecer o 24 de xaneiro de 2025.
A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participar na XXIX Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 4 ao 6 de abril de 2025 na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, primeira vez que a olímpiada española se celebra en Galicia, evento que tamén contará coa colaboración do CPEIG para a súa organización. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en setembro de 2025 en Bolivia.
A olimpíada está habitualmente patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC. Na edición de 2024 colaboraron Abanca, Atos, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Clouds, Minsait, NTT Data e Sixtema. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.
Consulta de dúbidas: informacion@cpeig.gal
Máis información e inscricións: https://oig.gal/