Pasar al contenido principal

Adrián Fernández, do Colexio Internacional Eirís da Coruña, e Violeta Baranda, do CEIP Virxe da Pena da Sela en O Irixo, gañan o IX Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2025

Fallo IX concurso literario protección de datos

O certame foi convocado polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Xunta de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,  fallan o IX Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2025.

O gañador na categoría da ESO foi Adrián Fernández Pan, alumno que cursa 3º da ESO no Colexio Internacional Eirís da Coruña. Foi premiado por un relato titulado “O segredo do castelo dixital” que se presentou baixo o pseudónimo de ‘O cabaleiro escuro’. Neste traballo Adrián escribiu unha historia sobre o roubo de datos persoais nun ficticio e antigo feudo, onde aparentemente vivían felizmente multitude de familias de campesiños, que asinaron un documento sen lelo previamente o que facilitou ao malvado rei a venda dos seus datos.

Na categoría de Primaria o premio foi para Violeta Baranda Pardo do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo, na provincia de Ourense. Presentou baixo o alcume ‘Amapola’ un traballo titulado “O diario de Vega”. Violeta escribe a modo de diario os pensamentos dunha rapaza de dez anos chamada Vega e os seus problemas con Internet, ao fiarse dun suposto neno coreano que coñeceu na rede e co que comezou unha amizade. Finalmente, toda a historia foi un invento dos seus pais para que Vega non confiase nos estraños de Internet.

Os dous gañadores recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o Colegio Internacional Eirís da Coruña recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou.

Este concurso ten por obxecto que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.