“O seu compromiso co servizo público, a inclusión social e o impulso de diferentes proxectos colexiais reflicten a súa vocación por mellorar a vida das persoas a través da tecnoloxía”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebra o galardón concedido ao enxeñeiro informático e secretario da entidade Juan José González Cid nos ‘Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2025’ da Unión Profesional de Galicia (UPG). Estas distincións foron entregadas o pasado sábado nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago ao que asistiron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o tesoureiro do Colexio, Francisco Rodríguez.
O CPEIG propuso a Juan José González Cid para este galardón por representar a “excelencia calada e constante”. Como secretario do CPEIG desde 2011, traballa cunha dedicación exemplar, sempre desde a discreción, cun carácter próximo e colaborador. “O seu compromiso co servizo público, a inclusión social e o impulso de proxectos como Navega con Rumbo ou o premio e-Inclusión da gala da NOITE que organiza anualmente o Colexio, reflicten a súa vocación por mellorar a vida das persoas a través da tecnoloxía. É, sen dúbida, merecedor deste recoñecemento polo seu labor incansable, a súa xenerosidade e a súa humanidade” –manifesta o Colexio–.
Juan José González Cid (Ourense, 1977), que vive a cabalo entre a capital das Burgas e Santiago, é enxeñeiro en informática pola Universidade de Vigo e Máster en Dirección de Proxectos con especialización en Seguridade Informática. Funcionario de carreira en distintas administracións públicase docente na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e a Universidade de Vigo. Actualmente traballa no ámbito TIC do Ministerio para la Transición Ecológica. Foi recoñecido pola Agencia Española de Protección de Datos (AEPD) e a Seguridade Social polo seu labor en ciberseguridade e inclusión dixital.