Pasar al contenido principal

O Colexio Manuel Peleteiro de Santiago recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG polo seu Plan de Benestar Dixital

Premio Colexio Manuel Peleteiro

Esta iniciativa, pioneira en Galicia, fomenta a “promoción eficaz dun uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía”, a través dun enfoque integral da súa comunidade educativa

O director do centro, Luis Peleteiro, recollerá o recoñecemento na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 ao Colexio Manuel Peleteiro de Santiago polo seu  Plan de Benestar Dixital.

O Colexio Manuel Peleteiro puxo en marcha este curso 2024-2025 o Plan de Benestar Dixital: Saúde, convivencia e desenrolo persoal, coa colaboración da Asociación de Madres y Padres de Alumnos (AMPAP) e do profesor de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC), Antonio Rial Boubeta.

Segundo o director do centro de ensino, Luis Peleteiro, o uso das pantallas na infancia e na adolescencia é un tema que ven suscitando unha crecente preocupación social a diferentes niveis, dado o impacto que pode ter tanto a nivel de saúde (física e mental), como de convivencia e desenrolo persoal. “O acceso temperán aos dispositivos dixitais e ás redes sociais, o seu uso frecuente, intensivo e sen supervisión, deu lugar a novas formas de adicción que segundo a propia OMS constitúen xa un serio problema de saúde pública”, sinala. 

Esta problemática non pasou desapercibida nin para a dirección do Colexio Manuel Peleteiro nin para a súa AMPAP. Máis alá dos logros alcanzados a nivel académico, que o levan a situarse ano tras ano como o mellor colexio de España segundo o ranking de EL MUNDO, ou a dispoñer do selo de Excelencia EFQM, os seus responsables amósanse convencidos de que a día de hoxe aspirar á excelencia implica necesariamente a “promoción eficaz dun uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía”, para o que deseñaron esta iniciativa innovadora e pioneira en Galicia.

Afastados por igual de actitudes alarmistas e negacionistas, desde un enfoque de dereitos como o que promove UNICEF, o Colexio Manuel Peleteiro comprométese cun uso equilibrado e responsable da tecnoloxía, desde o consenso e o compromiso de toda a comunidade educativa –profesorado, equipos directivos, alumnado e familias–. O proxecto deu a posibilidade de reinterpretar o problema que hoxe en día existe coa tecnoloxía, non tanto en clave de alarma social, senón de oportunidade e compromiso coa mellora da educación e a saúde do alumnado.

Os obxectivos do proxecto céntranse en promover o bo uso e aproveitamento da tecnoloxía entre o alumnado; minimizar o posible impacto negativo que puidera derivarse dun mal uso dos dispositivos dixitais; e promover a saúde dixital, a ciberseguridade e a ciberconvivencia na infancia e na adolescencia. A iniciativa promove un enfoque integral para contribuír á mellora da convivencia escolar, e a protexer a saúde mental e o benestar do alumnado, favorecendo o seu desenvolvemento académico e persoal.

Dentro da súa programación, estanse a organizar accións para o profesorado, alumnado e familias. Desenvólvese un plan de formación específico para o profesorado; un plan de prevención familiar; e un programa de prevención escolar para o alumnado de 1º e 2º da ESO e un plan de acción titorial para todos os niveis educativos. “É esencial que as familias coñezan as ameazas, para poder acompañar aos seus fillos e crear unha contorna dixital segura. O profesorado tamén precisa unha formación axeitada, tanto para integrar eficazmente a tecnoloxía na súa práctica docente, como para promover entre o seu alumnado un uso saudable, seguro e responsable dos dispositivos dixitais. Todo a través da colaboración e comunicación de toda a comunidade educativa para abordar de maneira integral os desafíos da tecnoloxía”, apunta Luis Peleteiro.

Desde o seu inicio no mes de outubro, impartíronse diferentes cursos  e charlas- coloquio a cargo da responsable do Plan Dixital Familiar da Asociación Española de Pediatría, María Salmerón; do psiquiatra e IP do programa YAM para a prevención do suicidio, Alejandro García; do profesor da Universitat de les Illes Balears Lluís Ballester; ou do coordinador do programa TEI, Javier Pérez; entre outras.

O director do Colexio, Luis Peleteiro, recollerá o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.