Pasar al contenido principal

O CPEIG distingue co Premio Iniciativa Emprendedora a Galnix, o primeiro punto neutro de intercambio de tráfico de datos en Galicia

Galnix

A iniciativa, impulsada polas empresas galegas cloud.gal, Norvoz Telecom e Rede Aberta, busca mellorar o acceso a Internet e fomentar a transformación dixital no tecido empresarial galego, sobre todo en zonas rurais e entre as pemes

Os promotores do proxecto recollerán o recoñecemento na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa Emprendedora da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 á iniciativa Galnix, o primeiro punto neutro de conectividade en Galicia. 

Galnix é unha iniciativa apoiada polas empresas galegas cloud.gal, Norvoz Telecom e Rede Aberta, que creou o primeiro punto neutro de conectividade en Galicia marcando o inicio dunha nova etapa na conectividade dixital en Galicia.  “Galnix non é só unha infraestrutura tecnolóxica, é un paso decisivo para situar a Galicia como referente dixital no noroeste peninsular”, apuntan os seus impulsores.

Este proxecto, que busca mellorar o acceso a Internet e fomentar a transformación dixital no tecido empresarial galego, tamén apunta a reducir a dependencia de centros de datos distantes, situados en zonas como Madrid o Barcelona. Situado no polígono da Sionlla en Santiago de Compostela, é unha infraestrutura única, deseñada para conectar provedores de servizos de internet (ISPs), empresas, universidades e organismos públicos, facilitando o intercambio de datos de maneira rápida, segura e eficiente.

Previsto para estar operativo este verán, Galnix é un proxecto que conta coa colaboración do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) debido ao seu potencial para mellorar a experiencia dixital en Galicia, especialmente en zonas rurais, sectores emerxentes e pequenas e medianas empresas.

Este novo nodo de conectividade en Galicia permitirá unha redución de ata un 75 % na distancia que os datos deben percorrer

O punto neutro de Galnix, o novo nodo de intercambio de tráfico de datos en Galicia, permitirá unha redución de ata un 75 % na distancia que os datos deben percorrer ata outros centros situados noutros puntos da península, un cambio que promete mellorar notablemente a latencia na navegación por Internet e fortalecer a interconectividade entre operadores dentro do ecosistema galego, con maior velocidade de navegación e unha rede máis segura ao permitir unha xestión e supervisión máis próxima do tráfico dixital.

Este proxecto destaca tamén por favorecer a “sustentabilidade e a loita contra o cambio climático”, grazas á redución do consumo enerxético e a implantación dun sistema de climatización baseado en auga fría con tecnoloxía de freecooling que permitirá unha redución do consumo enerxético anual e das emisións de CO₂ en aproximadamente 3,6 toneladas ao ano. Este compromiso subliña a visión de Galnix dunha “Galicia máis verde e dixitalmente avanzada”. 

"A creación dun nodo de intercambio, que promoverá a xestión autónoma do tráfico de internet, con respostas adaptadas ás necesidades da comunidade, impulsará o posicionamento de Galicia como ecosistema innovador no ámbito da transformación dixtal", explican os promotores. Galnix non só garantirá un correcto servizo de internet no tráfico intracomunitario, senón tamén mellorará os procesos de mobilidade intelixente e autónoma en smart cities, un uso efectivo da telemedicina e a dixitalización de sectores estratéxicos, beneficiando a todos, desde ámbitos urbanos ata zonas rurais.

Mirando cara o futuro, Galnix tamén avanza en negociacións para establecer relacións e sinerxías con outros proxectos similares no ámbito español e europeo, como Espanix ou DE-CIX. Estas colaboracións son cruciais para o seu obxectivo de situar a Galicia no mapa da innovación e a transformación dixital.

Cun investimento total de 2,1 millón de euros, financiado con fondos do Igape, Galnix ten o respaldo de 26 institucións e empresas que consideran que se trata dunha "iniciativa completamente innovadora, novidosa e singular" para o ecosistema TIC de Galicia. Así, conta co apoio do Concello de Santiago, 13 operadores de telecomunicacións; os dous Hubs de innovación dixital; os clústeres de automoción, enerxías renovables, TIC; ou os colexios profesionais de Enxeñaría en Informática, de Telecomunicacións e Industrial.

Os promotores de Galnix recollerán o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.