Pasar al contenido principal

A competición informática máis importante e antiga de España, a Olimpiada Informática Española, Premio Especial CPEIG

OIE 2025 A Coruña

O certame, creado en 1997 pola Fundación Aula Escola Europea de Barcelona, pretende achegar a programación algorítmica a idades temperás

O recoñecemento entregarase a membros da organización da OIE na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Especial CPEIG da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 á Olimpiada Informática Española (OIE) polo seu compromiso no fomento do talento en informática.

A Olimpiada Informática Española (OIE) é a competición informática máis importante e antiga de España, cun claro obxectivo pedagóxico e divulgativo: achegar a programación algorítmica a idades temperás. É un concurso individual para alumnado de educación secundaria, bacharelato e grao medio que se celebra anualmente e dá acceso á Olimpiada Informática Internacional. As linguaxes de programación permitidas na fase nacional son C++, Python e Java.

O certame convócase en España desde 1997, sempre baixo o auspicio da Fundación Aula Escola Europea de Barcelona coa finalidade de espertar o interese dunha disciplina completamente descoñecida naquela época para a maioría de centros escolares españois. “En la primera edición participaron más de 400 estudiantes, que recibieron por carta los enunciados de los problemas y, a su vez, enviaron sus códigos en un disquete por correo postal”, explica Jacobo Vilella, membro do comité nacional da OIE e responsable informático da Aula Escola Europea de Barcelona. 

O equipo español estivo presente en todas as edicións da Olimpiada Informática Internacional (IOI) desde finais dos anos 90. Desde 2007, a Facultade de Informática de Barcelona (FIB) da Universidad Politécnica de Cataluña (UPC), e desde 2020, a Universidad Complutense de Madrid (UCM) e a Conferencia de Directores y Decanos de Ingeniería Informática (CODDII) colaboran coa Fundación Aula Escola Europea na organización do concurso. 

Este crecemento institucional axudou a obter o recoñecemento de ‘Olimpíada Científica’ do Ministerio de Educación; a incrementar a representatividade de todas as comunidades autónomas a través de olimpíadas rexionais; a rotación anual da sede nacional da OIE por todo o territorio español; a consolidación de formacións semanais en directo, de outubro a maio, en catro niveis, coa participación este ano de máis de 1.000 estudantes; e, en consecuencia, a mellora no medalleiro dos concursos internacionais. Na última edición da olimpíada internacional, celebrada en setembro de 2024 en Alexandría (Exipto), o barcelonés Alejandro Vivero Puga obtivo a primeira medalla de ouro para España.

Ricardo Batanero, Andrii Basov, o redondelán David Lago e Eulàlia Gaya forman a delegación española que competirá este verán na olimpíada internacional en Bolivia

A ‘XXIX Olimpiada Informática Española (OIE)’ celebrouse este ano, do 4 ao 6 de abril, na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC-UDC), organizada coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Universidade da Coruña (UDC). O certame contou coa participación de 41 estudantes de todo o país. 

O Ministerio de Educación outorgou premios económicos aos dez primeiros clasificados e ás dúas mellores mulleres clasificadas. Resultaron gañadores con medalla de ouro e a representación na Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará do 27 de xullo ao 3 de agosto de 2025 en Sucre (Bolivia), os primeiros catro clasificados: Ricardo Batanero (Cataluña), Andrii Basov (ucraíno residente en Cataluña), David Lago (Redondela, Galicia) e Eulàlia Gaya (Cataluña).

A ‘XXX Olimpiada Informática Española de 2026’ celebrarase na Escola de Enxeñaría Informática da Universidad de Valladolid.

Marco Antonio Gómez, da Universidad Complutense de Madrid, e Joan Alemany Flos, da Aula Escola Europea de Barcelona, recollerán o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.