Pasar al contenido principal

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, reúnese co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para abordar as conclusións do informe “Infancia, adolescencia e benestar dixital”

Reunión entre Fernando Suárez e Pedro Blanco

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, reuniuse o luns 16 de marzo co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para abordar as conclusións do informe "Infancia, adolescencia e benestar dixital". O delegado destacou o compromiso do Goberno coa protección dos menores no ámbito dixital, fronte ao acoso e en defensa da saúde mental da mocidade. Suárez lembrou que esta investigación representa “o maior estudo realizado en España sobre o uso da tecnoloxía por parte de nenos, nenas e adolescentes e que está impulsado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública”.

Pedro Blanco felicitou a Fernando Suárez e a todo o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática, entidade da que tamén é presidente, por ter levado a cabo este documento, que constrúe “un mundo dixital máis responsable e seguro para a mocidade”. Subliñou a acción do Goberno para seguir estendendo a protección dos menores no eido tecnolóxico, “facendo fronte ao acoso en tódalas súas formas e protexendo a saúde mental dos rapaces e rapazas”.

O estudo Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social foi elaborado por UNICEF España, Red.es, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), no que participou o CPEIG como colexio profesional integrante.

O presidente do CPEIG sinalou que se trata “dunha das análises máis amplas realizadas en España sobre a relación da infancia e a adolescencia coa contorna dixital, incorporando a voz de decenas de miles de menores”. Segundo indica, o informe confirma un uso intensivo e temperán da tecnoloxía, avances en sensibilización e redución dalgunhas condutas de risco, pero tamén a persistencia de desafíos relevantes en materia de benestar emocional, convivencia dixital e exposición a contidos nocivos, “o que reforza a necesidade de actuar desde a educación, a prevención e as políticas públicas baseadas en evidencia”.

Froito dunha consulta a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, esta investigación ofrece unha fotografía nítida dunha xeración hiperconectada e que, aínda que máis consciente dos perigos da Internet, segue enfrontándose a graves desafíos emocionais e de convivencia.

No estudo sinálase entre outras cousas que “a gran maioría accede ás redes e outros contidos desde o seu propio dispositivo” e que “a presenza do teléfono móbil faise patente desde os últimos anos de Primaria, xa que aos 10 anos, o 41% dos nenos e nenas dispón de móbil propio, porcentaxe que ascende ao 76% aos 12 anos de idade”.

Na ESO, practicamente todos –o 92,8%– ten o seu propio teléfono, sendo a idade media de acceso ao móbil os 10,8 anos.

Tamén se fai saber que case un 9% dos mozos e mozas de entre 10 e 20 anos dedica máis de cinco horas diarias ás redes sociais entre semana, unha cifra que se eleva ata case o 20% durante a fin de semana. Ademais, o 5,7% podería desenvolver un uso problemático das redes sociais, porcentaxe que alcanza o 7,7% entre quen cursa Bacharelato (a etapa máis vulnerable) e que é de xeito significativo maior entre as mozas, “o que evidencia importantes diferenzas de xénero nesta problemática”, apúntase na investigación, na que se engade que “este uso intensivo asóciase a maior ansiedade, peor calidade de vida e maior exposición a situacións de acoso, ciberacoso ou control na parella a través de medios dixitais”.