Pasar al contenido principal

Os reitores piden ao Goberno dar "o paso político" para regular a profesión de enxeñeiro informático antes de 2010

Senén Barro

O vicepresidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Senén Barro, reclamou hoxe ao Goberno español, que dea "o paso político" para establecer as atribucións da profesión de enxeñeiro informático antes do ano 2010, unha titulación que na actualidade cursan preto de 100.000 estudantes e que "incomprensiblemente" non foi regulada en décadas.

Barro realizou estas manifestacións antes de participar na Universidade Politécnica de Valencia (UPV) na conferencia-coloquio titulada 'Os estudos de Informática no Espazo Europeo de Educación Superior''.

O tamén reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) recalcou que "a día de hoxe é incomprensible que a Enxeñaría Informática non sexa unha profesión regulada" aínda que garantiu que os máximos responsables das universidades teñen "o empeño de que o sexa".

Neste sentido, recordou o acordo alcanzado co Executivo para que se publiquen, previsiblemente antes do verán, unhas fichas que, aínda que non serían de obrigado cumprimento, suporán un "consenso sobre o marco de definición das competencias para o grao e master de enxeñeiro informático co fin de que non haxa unha dispersión na oferta" que están a poñer en marcha as universidades con motivo do Proceso de Bolonia.

"O peor que nos podería pasar -- advertiu -- é que se faga unha reforma que ten que estar harmonizada en 2010 e que cada un vaia polo seu lado esvaendo os contidos porque podería poñer en perigo as opcións de que esta profesión se regule".

Avanzar

O representante da CRUE sinalou que as fichas constitúen "só un primeiro paso aínda que importante". Incidiu en que o Ministerio de Ciencia -- "despois dunha reiterada presión por parte sobre todo dalgunhas universidades", destacou -- "está polo labor" de avanzar nesta regulación pero recalcou que este departamento "en solitario só pode chegar ata a publicación das fichas".

Ha de ser o Ministerio de Industria "o que asuma politicamente esta necesidade". "Nós non imos afrouxar no empeño e por moi difícil que sexa ímolo lograr porque estamos a falar de case 100.000 estudantes", segundo resaltou.

Barro explicou que a titulación non tivo inicialmente as atribucións porque "chegou un pouco máis tarde" pero reiterou que é "inexplicable que non as teña agora cando un terzo dos estudantes de enxeñaría son de informática e trátase de unha titulación cun peso no ámbito socioeconómico brutal e con nichos profesionais específicos", xa que a España quédalle "un longo camiño por percorrer" en tecnoloxía das comunicacións, apuntou.

Nesta mesma liña pronunciáronse os reitores da Universidade Politécnica de Valencia e da Jaume I de Castellón, Juan Juliá e Francisco Toledo, os cales acompañaron Barro no acto. Así, Juliá --que se declarou un "activista" a favor da regulación desta enxeñaría-- chamou a atención sobre a importancia desta titulación, xa que entre os grandes "déficits" da economía española figura a brecha dixital. De feito, dixo, a inversión en Estados Unidos e Xapón per cápita en tecnoloxía da comunicación é da orde de 400 euros ao ano e en Europa e España non chega aos 100. 

Interese estratéxico

O reitor da UPV defendeu o "interese estratéxico" desta profesión, que merece "exactamente igual que o resto de enxeñarías ter unha regulación con atribucións ben fixadas".

Pola súa banda, Francisco Toledo confiou en que coa publicación das fichas por parte do Ministerio de Ciencia se rompa o "círculo vicioso" que acompañou a esta titulación.