Pasar al contenido principal

Representantes do ámbito profesional e académico únense na defensa das enxeñarías en informática

Momento da xuntanza celebrada polos representantes do ámbito profesional e académico das enxeñarías en informática.

Representantes dos colectivos profesionais e do profesorado e alumnos das enxeñarías en informática de Galicia mantiveron hoxe unha xuntanza en Santiago para avaliar as medidas conxuntas precisas para conseguir a regulación profesional e académica destas titulacións por parte do Goberno do Estado. Entre as accións propostas, abordouse a posta en marcha dunha plataforma galega para a defensa das enxeñarías en Informática e o apoio á manifestación prevista para o vindeiro martes na Coruña.

O encontro permitiu avanzar na creación dun marco de coordinación e debate de posibles accións reivindicativas e no establecemento de canles de información directa e veraz cara os profesionais e estudantes das enxeñarías en Informática de Galicia. A iniciativa representa un paso máis na unión de esforzos a prol da equiparación destas titulacións coas demais enxeñarías.

Na reunión participaron, en representación do ámbito profesional, o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o vogal desta entidade Miguel Ángel Molinero, xunto co vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Rubén Cid e mailo secretario da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG), Juan Otero. En representación do eido académico estiveron presentes o decano da Facultade de Informática da Coruña, Alberto Valderruten; a subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela; o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Enrique Barreiro, e voceiros dos alumnos dos tres centros.