Pasar al contenido principal

Duas mil persoas maniféstanse na cidade da Coruña a favor da regulación profesional da Enxeñaría en Informática

Manifestación do 17M / Kopa

Preto de 2.000 estudantes das facultades de informática de Galicia e profesionais protagonizaron este martes na Coruña unha manifestación que partiu ás 12:00 horas do campus coruñés de Elviña, transcorreu pola Avenida de Alfonso Molina, onde se rexistraron retencións, e finalizou ante a Delegación do Goberno, onde os manifestantes realizaron unha sentada que concluíu pasadas as 14:00 horas, hora na que entregaron no Rexistro un escrito coas demandas.

Do colectivo de estudantes que acudiu á convocatoria, 200 fixérono en autobús desde a cidade de Ourense, cun desprazamento de máis de cinco horas de duración. Así mesmo, á manifestación tamén acudiron representantes dos colexios profesionais de enxeñaría en informática de Galicia, os cales apoiaron o evento.

As reivindicacións centráronse na regulación de profesión para que esta se equipare ao resto de enxeñarías mediante a creación dunhas atribucións profesionais que garantan a responsabilidade e calidade dos proxectos informáticos. Trátase dun vello problema que se pode agravar coa creación do espazo europeo de educación superior, dado que esta titulación nunca contou cun texto legal que especifique cáles son as súas atribucións profesionais, o que permite un importante grao de intrusismo e en consecuencia un alto risco para a sociedade.