Pasar al contenido principal

O CPEIG consegue importantes bonificacións na matrícula da Escuela Europea de Negocios

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escuela Europea de Negocios (EEN) veñen de asinar un convenio de colaboración que suporá, entre outros beneficios, un desconto mínimo do 15% para os colexiados e empregados do colexio que formalicen matrícula en calquera dos masters, programas ou cursos da EEN na súa sede en Galicia.

A cantidade exacta de bonificación poderá representar un maior desconto en función da acción formativa a realizar ou ben polo volume de matriculacións formalizadas.

Ao abeiro do convenio, o CPEIG comprométese a divulgar todas as accións formativas impartidas pola Escuela Europea na nosa comunidade autónoma. Asemade, por cada colexiado ou empregado do colexio que formalice a súa matrícula en calquera das accións formativas ofertadas, retribuiráselle cun mínimo dun 3% ao CPEIG.

Asinaron o acordo o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e Elena Villares Gallardo, en representación da Escuela Europea de Negocios.

Para o presidente do CPEIG, este convenio representa un paso máis na oferta de beneficios para os colexiados e colexiadas, dentro do que é "unha decidida aposta do colexio pola mellora da cualificación profesional dos enxeñeiros en Informática".

A Escuela Europea de Negocios, fundada en 1986, está especializada nos niveis de posgrao e executive. Seleccionada como unha das mellores institucións de formación do mundo, está considera como unha das máis importantes escolas de formación de posgraduados e directivos de España, e é unha das máis destacadas institucións europeas en crecemento en Latinoamérica.