Pasar al contenido principal

Curso de verán "Big Data & Data Science"

Logo CITIUS

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2013.- O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) organiza, dentro das actividades enmarcadas na Universidade de Verán da USC, un curso de verán que se impartirá na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC entre os días 16 e 19 de xullo de 2013 baixo o título "Big Data & Data Science (BD&DS)" dirixido polos investigadores do CiTIUS Tomás Fernández Pena y José Ramón Ríos Viqueira.

O curso de verán que se propón repasa o mundo do BD & DS, combinando as perspectivas científicas e tecnolóxicas. O curso estrutúrase por medio dunha serie de conferencias, mesas redondas e talleres cos que se pretende dar unha visión actual do universo do BD & DS, analizando o seu futuro e principais aplicacións. Máis concretamente:

  • Presentar a situación actual do BD & DS, explicando a evolución desde tecnoloxías de almacenamento e análise de datos previos cara ao que agora acuñamos como BD & DS.
  • Presentar as principais liñas de investigación e tecnolóxicas asociadas a BD & DS.
  • Expor os principais dominios de aplicación de BD & DS, discutindo as complexidades e necesidades destes dominios.
  • Motivar un debate que leve a dilucidar o impacto das tecnoloxías de BD & DS no futuro da economía e da sociedade.
  • Desenvolver unha serie de talleres formativos que permitan aos participantes achegarse á realidade das ferramentas máis estendidas de BD & DS (Hadoop, Cassandra, Lucene, Weka, etc.).

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas interesadas en comprender o papel das tecnoloxías de BD & DS dende os puntos de vista científico e tecnolóxico. Farase especial fincapé no desenvolvemento dunha serie de talleres prácticos que permitan que os participantes se acheguen a algunhas das ferramentas e metodoloxías que permiten traballar con tecnoloxías de BD & DS. A perspectiva multidisciplinar que se achega fará que o curso sexa de sumo interese tanto para investigadores que poidan estar interesados no uso e posibilidades destas tecnoloxías, como de tecnólogos que queiran visualizar as posibilidades das mesmas nas súas organizacións.

A duración do curso será de 32 horas que se repartirán do seguinte modo:

  • Nove conferencias, impartidas por especialistas de primeiro nivel nacional e internacional nos distintos temas que serán abordados.
  • Catro mesas redondas, dirixidas a motivar o debate sobre a realidade do BD & DS.
  • Catro talleres prácticos, a través dos cales se pretende que os participantes tomen contacto con algunhas das aplicacións do BD & DS máis relevantes.

O prazo de matriculación para o curso abrirase:

  • En liña por internet, a partir do 6 de maio.
  • Presencial, a partir do 15 de maio.
  • Final Prazo: o día 5 de xullo.

Podes atopar toda a información do curso en: http://eventos.citius.usc.es/bigdata/ ou a través da dirección de correo citius.bigdata@usc.es