Pasar al contenido principal

O pleno da Unidade da Muller e Ciencia convida o CPEIG ao acto de entrega do premio WONENBURGUER 2013

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) estivo  presente esta tarde, representado polo seu presidente, Fernando Suárez, no acto de entrega do Premio Wonenburguer 2013, que nesta edición recaeu na catedrática de Farmacia María José Alonso Fernández. A cerimonia estará presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.

O Pleno da Unidade da Muller e Ciencia, celebrado en Santiago o día 3 de setembro, e presidido pola Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, acordou concederlle o premio Wonenburguer 2013 á catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso en recoñecemento á  súa fecunda traxectoria profesional.

María José Alonso Fernández naceu en Carrizo de la Ribera (León), en 1958, chegou a Galicia como estudante de Farmacia. Na actualidade é Catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela, tamén é membro das reais academias de Farmacia de Galicia e España.

A investigadora foi pioneira na nanotecnoloxía aplicada á biomedicina en España no anos 80, e tamén a primeira da ciencia española en liderar un proxecto financiado pola Fundación Bill and Melinda Gates, dentro das súas liñas de axuda ao desenvolvemento de melloras sanitarias para o terceiro mundo, cun proxecto de vacinas nasais para a hepatite B. 

A calidade do traballo de Alonso chamou a atención de institucións como a Organización Mundial da Saúde (OMS), que a apoiou nun estudo sobre a posibilidade de obter unha vacina antitetánica dunha única dose, e da Fundación Bill and Melinda Gates, que financiou en 2005 o seu proxecto para avanzar cara a unha vacina nasal para a hepatite B, dentro do programa de investigación da fundación en busca de melloras sanitarias para o terceiro mundo.

María José Alonso entrou no top ten mundial no ránking de farmacoloxía e toxicoloxía elaborado polo Times Higer Education. O Seu traballo tradúcese en case 40 proxectos de I+D, máis de 200 publicacións científicas e a consecución de 12 patentes, entre elas as de Advancell.

Alonso está involucrada nun proxecto europeo de deseño de tratamentos contra o cancro máis selectivos en colaboración co grupo clínico do doutor Rafael López no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, coa vista posta en que os seus resultados teñan a máis rápida tradución para o paciente. Alonso tamén formou parte do grupo de 25 expertos que asesoraron a Cristina Garmendia á fronte do Ministerio de Ciencia e na elaboración da Lei da Ciencia.

María José Alonso foi galardoada en xuño de 2011 co Premio Jaime I na categoría de Novas Tecnoloxías. O premio recoñece o seu destacado traballo nos campos da nanotecnoloxía farmacéutiva e nanomediciña, que están tento un grande impacto no desenvolvemento de novas solucións terapéuticas.