Pasar al contenido principal

O CPEIG e Xustiza colaboran na prestación de asistencia pericial en xuízos.

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de asinar un acordo coa Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para a prestación de asistencia pericial. Asinaron o acordo o vicepresidente e titular da Consellería da Presidencia, Alfonso Rueda, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Ao abeiro do acordo, o Colexio organizará unha quenda para a prestación de asesoramento e ditame pericial nos procedementos penais nos que se requira, por un xuíz ou tribunal, a proba pericial de oficio ou a pedimento do Ministerio Fiscal, ou no caso de que a proba fose acordada á solicitude dun beneficiario da asistencia xurídica gratuíta, así como cando se acordase, en procedemento de calquera orde xurisdicional, polo xuíz de oficio ou a pedimento do Ministerio Público a prol de menores abandonados ou persoas incapaces ou desvalidas.

O ditame pericial será emitido por un profesional colexiado, por designación e baixo o control deontolóxico do CPEIG. Será o propio Colexio o que controlará a formación e a deontoloxía dos peritos, a liquidación das peritaxes e a repartición das cantidades por percibir da Administración para a súa indemnización. A quenda será atendida polos colexiados que voluntariamente se inscriban nela e que haberán de reunir os requisitos de cualificación técnica, formación e experiencia práctica que o CPEIG determine e a Administración de Xustiza requira.

A incorporación á quenda dos peritos forenses do CPEIG efectuarase unha vez cada ano, terá carácter voluntario e producirase por petición do interesado, acreditando as seguintes condicións: a pertenza e á incorporación ao CPEIG; a antigüidade no desempeño efectivo da súa profesión polo menos de tres anos; a acreditación dunha formación específica ou a participación en cursos de especialización e non estaren incursos en incompatibilidade legal ou deontolóxica.

O CPEIG conta cun Corpo Oficial de Peritos con acreditada formación e experiencia. As súas funcións son as de dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido no artigo 335 da Lei de Procesamento Civil e o recollido no artigo 6.h. dos estatutos do CPEIG.