Pasar al contenido principal

A Xunta homenaxea a Susana Ladra, Premio Ada Byron do CPEIG, no Día da Muller

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2014.-A Xunta de Galicia, na véspera do Día Internacional da Muller, que se celebrou o 8 de marzo, decidiu recoñecer o labor de oito mulleres destacadas en diferentes eidos. Unha das homenaxeadas foi a vicedecana da Facultade de Informática da Coruña, Susana Ladra, a quen o ano pasado o CPEIG galardoou co premio Ada Byron. O Colexio felicítase de que a Xunta de Galicia recoñeza a unha muller enxeñeira en Informática como referente para toda a sociedade galega.

O acto de recoñecemento tivo lugar no Gaiás baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, máximo mandatario do Goberno galego. As outras mulleres homenaxeadas o pasado venres foron a actriz Teté Delgado; a gaiteria Susana Seivane; a campiona olímpica Sofía Toro; a comunicadora Irene Lamas; a fundadora da produtora Vaca Films, Emma Lustres; a cociñeira Beatriz Sotelo; e a xerente da Granxa Maruxa, Marta Álvarez.

Susana Ladra (Santiago de Compostela, 1984), residente na cidade da Coruña, é enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Informática da Universidade coruñesa, onde tamén ostenta o cargo de vicedecana de Organización Académica. Durante a súa etapa de estudante, foi galardoada co Primeiro Premio Nacional de Fin de Carreira de Enxeñaría Informática do Ministerio de Educación, co Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidade da Coruña e co Premio á mellor tese doutoral no campo da Recuperación da Información, outorgado pola Sociedade Española de Recuperación da Información.

Durante os últimos anos, Susana Ladra vén desenvolvendo unha intensa actividade investigadora en distintas áreas, como recuperación de información, compresión, análise de algoritmos e estruturas de datos. É autora de numerosas publicacións en revistas e congresos internacionais de relevancia. Participou en proxectos de investigación competitivos e realizou estancias no CSIC, na Universidade de Chile, na Universidade de Helsinki e na Universidade de Waterloo (Canadá).