Pasar al contenido principal

O Grupo El Correo Gallego convida ao CPEIG á Gala Premios Galegos do Ano

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) asistirá esta noite (xoves, 23 de outubro) á gala dos Premios Galegos do Ano, que este ano chega á súa edición número XXV, convidado polo Grupo Correo Gallego. O presidente do ente colexial, Fernando Suárez Lorenzo, acudirá en representación das colexiadas e colexiados.

Nesta edición, un dos premios recaeu no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), en concreto o correspondente ao mes de outubro. As redaccións do Grupo Correo Gallego recoñecen así os 20 anos ao servizo da comunidade investigadora deste centro. O encargado de recoller o galardón será Xavier García Tobío, director xerente do Cesga, Premio Traxectoria Profesional do CPEIG e membro da xunta de goberno do mesmo.

Outro dos galardoados será Tino Fernández, presidente de Altia Consultores e empresario de éxito, ademais de presidente do Real Club Deportivo da Coruña. Fernández amosou sempre o seu respaldo explícito ao CPEIG e á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

Dadas as características deses dous premiados, o CPEIG congratúlase de que as TIC sexan protagonistas do evento. A xunta de goberno do ente colexial quere felicitar o Grupo Correo Gallego pola edición de prata de Galegos do Ano e agradecerlle o convite a un dos actos sociais de maior relevancia dos que se celebran en Galicia anualmente.

O acto ten o ‘hashtag’ #PremiosGallegos// e emítese en streaming en Radio Obradoiro e en Correo TV a partir das once da noite.