Pasar al contenido principal

Xa podes ler un novo número da revista TIG@

Símbolo do CPEIG

O CPEIG vén de publicar, en formato electrónico, un novo número da revista TIG@. Trátase da sétima entrega da publicación, que ten periodicidade cuadrimestral. Podes lela facendo clic neste enlace

A publicación leva á portada o programa Programación nas Escolas, unha iniciativa precursora proposta polo Colexio e que, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, levará a programación aos centros educativos ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria.

No interior,  inclúe unha entrevista con Manuel González Penedo, director do CITIC, quen vén de tomar as rendas do centro. Do mesmo xeito, o avogado Víctor Salgado, experto en Dereito e novas tecnoloxías e responsable da Guía LOPD IES, impulsada polo Colexio, mantén unha conversa coa redacción de TIG@ sobre a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD).

A sección habitual de "O CPEIG Opina" aborda a situación actual da ciberseguridade en España, a través dun artigo de opinión asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. Así mesmo, unha reportaxe dá conta dos éxitos acadados pola empresa Teima, liderada polo enxeñeiro en Informática Miguel Varela.

A revista inclúe unha reportaxe sobre as últimas xornadas celebradas polo Colexio, como foi o foro Xornalismo, Datos e Redes Sociais, e unha recompilación da aparición nos medios de comunicación das actividades e opinións do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. 

Nova sección

Como novidade, este número da revista TIG@ incorpora a sección "Actividade dos nosos patrocinadores ouro", que reflicte os éxitos das empresas que, cada ano, avalan a organización da Noite da Enxeñaría en Informática cos patrocinios máis cuantiosos.

Lembrámosvos que o comité de redacción da revista está aberto ás túas suxestións no seguinte correo electrónico: revista@cpeig.gal.