Pasar al contenido principal

A Fundación Socinfo e a revista Sociedad de la Información recoñecen "Navega con Rumbo" e "Programación nas escolas"

Símbolo do CPEIG

O pasado día 14 de xaneiro o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, asistiu á entrega dos "Premios Galicia 2015 Sociedade da Información", organizados pola Fundación Socinfo e a revista "Sociedad de la Información", para recoller o diploma que recoñece o interese dos proxectos Navega con Rumbo polo Ciberespazo e Programación nas Escolas.

A primeira iniciativa, impulsada polo Colexio e posta en marcha grazas ao convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, chegou xa á súa quinta edición, namentres que Programación nas Escolas comezará a súa andaina o presente ano.

A entrega dos galardóns, presidida pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, tivo lugar no Hotel AC de Santiago de Compostela. O acto estivo precedido pola celebración do seminario "Sociedade da Información en Galicia. Cara á recuperación".

En opinión do presidente do CPEIG, o recoñecemento aos programas é "un respaldo ao labor que os nosos colexiados realizan para, por unha banda, divulgar as moitas oportunidades que lles ofrece Internet aos máis novos, coma pode ser a introdución ao pensamento computacional, e, por outra, poñer en alerta os rapaces diante dos aspectos negativos e darlles instrumentos para evitar problemas: desde o ciberacoso ata a dependencia tecnolóxica".

Navegación útil e responsable

Ao abeiro do Navega con Rumbo polo Ciberespazo, colexiados e colexiadas achéganse aos centros educativos para impartiren charlas divulgativas dunha hora de duración nas que lles aprenden aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable, coa implicación tamén do profesorado e das nais e pais.

As sesión divulgativas están apoiadas por guías de boas prácticas. Unha web propia www.navegaconrumbo.es completa o programa e inclúe, de balde, a posibilidade de descarga das guías en formato electrónico, xogos e ligazóns de interese.

Nenas, nenos, pais, nais e educadores dispoñen de información sobre aspectos relacionados co ciberacoso, a dependencia das novas tecnoloxías e o uso responsable das redes sociais mediante esta iniciativa do CPEIG.

Programación nas Escolas

A novidosa iniciativa Programación nas Escolas ten como principal obxectivo ensinarlles aos escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, introducíndoos ao pensamento computacional. Trátase de ofrecerlles aos alumnos e alumnas de primaria as ferramentas necesarias para comprender qué son e cómo funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día.

Deste xeito, poderán entender moito mellor a realidade na que se moven ao tempo que se fomentan as súas capacidades creativas na medida en que poden crear as súas propias aplicacións interactivas como animacións, videoxogos ou simulacións, entre outros.

Así mesmo, a iniciativa tamén contempla a formación de profesores e de pais e nais, para que incorporen a programación a aspectos como a creatividade e a resolución de problemas. É dicir, a intención é facelos partícipes, a través da programación, da mellora das competencias en ciencias e tecnoloxía, así como das competencias comunicativas, artísticas e dixitais do seu alumnado.