Pasar al contenido principal

O colexio participou nun panel dentro da Semana Anita Borg, organizada pola Facultade de Informática da Coruña

Semana Anita Borg

A Facultade de Informática da Coruña organizou unha serie de eventos que se inscribiron dentro da celebración do aniversario de Anita Borg, promovida pola Anita Borg Scholarship Alumni Association (ABSA). Esta asociación, impulsada por Google, reúne a antigas bolseiras da Google Anita Borg Scholarship co ánimo de promover o papel da muller no mundo das novas tecnoloxías. 

Dentro dos eventos previstos, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, acudiu o pasado xoves, día 28, á Facultade de Informática da Coruña para achegar a súas reflexión sobre a situación laboral das TIC. 

O representante do Colexio realizou unha descrición xenérica da profesión e nas súas palabras aludiu ao estudo sobre a situación laboral da mesma realizado polo CPEIG, así como á crecente importancia da informática na sociedade actual. 

Fernando Suárez aludiu ás perspectivas de futuro, cunha alta demanda de profesionais, e subliñou os 900.000 postos de traballo que xerará a profesión na Unión Europea nos vindeiros anos.

Por outra banda, incidiu na escaseza de mulleres nun sector "altamente masculinizado", cunha falla de referentes e un importante descoñecemento da profesión. Como consecuencia desa masculinización, Suárez subliñou a perda de talentos e apuntou posibles accións para mitigala, entre outras: actuacións en idades temperás para evitar a fenda de xénero e prexuízos, así como a necesidade de facer visibles referentes femininos na Enxeñaría Informática.

Gran participación no concurso

O CPEIG participou tamén no concurso WikinformáticA, dirixido ao alumnado de secundaria que tivo que elaborar unha wiki en galego sobre mulleres destacadas na historia das tecnoloxías da información. Os alumnos e alumnas participaron en grupos coordinados por un profesor do seu centro. Os equipos gañadores recibirán unha impresora 3D patrocinada polo CPEIG e unha visita ás instalacións de R na Coruña. 

Deste xeito, o grupo Agra_Hipatia, do IES Agra de Raíces de Cee, mereceu o primeiro premio e recibirá a impresora. Pola súa banda, o equipo Vdemar, do IES Virxe do Mar de Noia, levou o segundo premio e visitará as instalación de R. Asemade, o xurado do concurso tivo unha mención especial para As_revoltas_2, do CPEI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e para o grupo Agra_Wonerburger, do IES Agra de Raíces de Cee.

En total, participaron no certame 232 alumnos e alumnas de 11 centros de toda Galicia.