Pasar al contenido principal

O CPEIG presenta o modelo de ordenanza de administración electrónica para entidades locais que elaborou coa Fegamp

Símbolo do CPEIG

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, presentou o modelo de ordenanza tipo que o Colexio elaborou, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), no primeiro "Encontro de cooperación para o desenvolvemento da administración electrónica", celebrado o pasado 16 de marzo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galica (Amtega) organizou a xornada en colaboración coa Fegamp.

A ordenanza regula "a implantación da administración electrónica nos concellos mediante o impulso da utilización dos medios e canles electrónicas no desenvolvemento da actividade administrativa dos mesmos, tanto para a súa relación coa cidadanía como coas restantes administracións públicas, de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desenvolvido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos".

O texto atinxe ás seguintes actuacións:

  1. A tramitación dos procedementos administrativos incorporados á tramitación telemática.
  2. A creación do rexistro electrónico e a regulación do seu funcionamento.
  3. Especificación dos trámites e procedementos que poderán ser iniciados a través do rexistro electrónico así como a fixación dos principios reguladores para a incorporación de novos trámites e procedementos administrativos.
  4. A prestación, por medios informáticos, de servizos de información e de atención á cidadanía polos distintos órganos e unidades administrativas do concello.
  5. A regulación das relacións coas demais administracións e entidades públicas en tanto en canto actúen como usuarias dos servizos ou ben como parte interesada nos procedementos incluídos no ámbito de aplicación do concello.
  6. A regulación das relacións internas entre órganos e unidades administrativas do concello.

O encontro organizado pola Amtega foi dirixido a todas as entidades locais de Galicia e tivo como obxectivo poñer en común as liñas de colaboración con esas entidades no eido das TIC, así como abrir un foro para debater sobre temáticas de interese e actualidade neste eido.