Pasar al contenido principal

O CPEIG preselecciona oito candidaturas ao Premio Iniciativa Emprendedora para a súa votación entre os colexiados

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia vén de preseleccionar as oito candidaturas que optan ao premio Iniciativa Emprendedora, que se entregará no decurso da Sétima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o vindeiro 26 de xuño en Santiago. Ábrese así o prazo para que os colexiados e colexiadas do CPEIG emitan os seus votos e decidan, co seu apoio maioritario, a iniciativa merecente do galardón.

As persoas colexiadas que desexen participar no proceso de votación poden elixir a súa  preferida para o premio Iniciativa Emprendedora de 2015 de entre as seguintes candidaturas:

  • Apparcar: Aplicación gratuíta para dispositivos móbiles que lles permite aos condutores localizar as prazas de estacionamento libres máis próximas ao seu destino e reservalas. A iniciativa supón un  novo modelo de xestión do aparcamento público en superficie, que ofrece a través de algoritmos, información en tempo real do estado de ocupación de cada praza. Baséase nunha metodoloxía sinxela, similar á empregada para a xestión de reservas de butacas en teatros ou cines. A ferramenta, que pode descargarse para iOS e Android, está a funcionar como proxecto piloto no concello de Santiago. (www.apparcar.com)
  • Appentra: A súa misión é a de proporcionar ferramentas software de calidade que permitan o uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todas as áreas de aplicación da enxeñaría, a ciencia e a industria. As ferramentas software de Appentra simplifican a programación multi-core e many-core, xa que reducen a necesidade de coñecementos e habilidades en técnicas de programación paralela e HPC, o que redunda nun aumento da produtividade. O seu traballo vai dirixido a empresas e organizacións que actualizan con frecuencia as súas aplicacións de cálculo intensivo en mercados coma o aeroespacial, automación, enxeñaría civil, biomedicina ou químico. (www.appentra.com)
  • iCarto: Creada por membros do Laboratorio de Cartografía de Galicia, o seu obxectivo é o desenvolvemento e a aplicación das Tecnoloxías da Información Xeográfica (TIG) nos eidos da enxeñaría civil, do patrimonio e da cooperación e o desenvolvemento, entre outros. A súa especialización é a posta en valor da información mediante o uso das TIG e centran o seu labor a prol dunha planificación e xestión máis eficaz das infraestruturas, os servizos, os recursos e os espazos territoriais. Nesta liña, desenvolven e aplican metodoloxías e programas para a captura, tratamento, análise e representación de datos xeoespaciais. (www.icarto.es)
  • Netex Learning: Dedicada á aplicación das novas tecnoloxías ao mundo da formación, traballa para dar resposta aos novos retos e necesidades formativas mediante solucións tecnolóxicas innovadoras. Precisamente un dos seus últimos proxectos é T-Didacta: dispositivos intelixentes de axuda ao ensino baseados en técnicas de Learning Analytics, que pretende resolver todos os problemas derivados da utilización de tabletas e contornos dixitais de aprendizaxe nas aulas de xeito integral. A ferramenta non só lle permite ao profesor recuperar o control da clase, senón que axuda á formación personalizada de cada estudante, prevé posibles fracasos escolares, personaliza os contidos e mellora as infraestruturas tecnolóxicas das aulas. (www.netexlearning.com
  • Qubitia Solutions: Desenvolvedora dunha plataforma de software para producir e monitorizar, en tempo real, todo tipo de algoritmos e estratexias de investimento e cobertura para a contorna dos mercados. A solución, dirixida aos profesionais dos mercados, facilita o estudo das súas estratexias de investimento nunha contorna cada vez máis complexa, con maior volume de datos e velocidade da información. O obxectivo é, ante o crecemento expoñencial do capital xestionado de xeito algorítmico, darlle resposta á necesidade das entidades de dispoñer ferramentas que axilicen e automaticen os seus procesos, reducindo tempos e aumentando a seguridade. (www.qubitia.com)
  • Sixtema: O labor desta veterana empresa compostelá baséase no desenvolvemento de servizos integrais relacionados cos Sistemas de Información Xeográfica, completando todo o ciclo da información, desde a recollida de datos ata a posta en marcha de xeoportais e solucións de mobilidade e xeolocalización. Un dos seus éxitos máis recentes é a aplicación Weatherway, que converte os coches en "estacións meteorolóxicas rodantes" grazas aos seus sensores, e permite coñecer ao instante as condicións meteorolóxicas en diversas partes do mundo. (www.sixtema.es)
  • Teimas: Empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que desenvolve a súa actividade no sector ambiental. A pedra angular da súa actividade é o desenvolvemento de produtos ofrecidos como servizo. Nesta liña cómpre salientar a o software para xestión de residuos Teixo, un sistema dirixido a empresas produtoras, xestoras e transportistas de residuos, que facilita o control da xestión de residuos perigosos e non perigosos. Permite rexistrar os seus datos, confeccionar a súa carteira de procesos e residuos e xerar as notificacións de traslado e documentos de control e seguimento de residuos perigosos. (www.teimas.com)
  • ViaVigo: Deseñado polo Consorcio Zona Franca de Vigo, este "ecosistema para emprendedores" busca, a través dun programa de aceleración para o desenvolvemento, darlles soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas. Proporcionan capital semente, formación a través dunha rede de mentoring, infraestruturas e asesoramento intensivo. Así, durante un período aproximado de 18 meses, a iniciativa selecciona, forma e promociona os candidatos. O obxectivo é acompañar un grupo de emprendedores na maduración, financiamento e posta en marcha dos seus proxectos. (www.zfv.es/viavigo

A votación estará aberta ata o vindeiro 8 de maio