Pasar al contenido principal

A AMTEGA, o CPEIG e a FEGAMP poñen a disposición dos Concellos unha Ordenanza Tipo a prol da Administración Electrónica

Ordenanza_Admon_Electronica

Os concellos galegos contan desde o pasado 8 de abril coa "Ordenanza de Administración Electrónica para a Administración Municipal", unha ferramenta tipo para facilitarlle ás entidades locais o regulamento dos procedementos telemáticos. Este modelo de ordenanza foi elaborada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A directora da Amtega, Mar Pereira, o presidente da Fegamp, José Manuel Rey, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destacaron na presentación da ordenanza aos medios de comunicación a importancia de proporcionarlle ás entidades locais ferramentas que lles faciliten a implantación da Administración electrónica e a necesidade de incidir na colaboración entre administracións para garantirlle a cidadáns e empresas uns servizos dixitais de calidade.

A directora da Amtega subliñou que xa en 2010 a Xunta e Fegamp plasmaron nun convenio o compromiso de consolidar un novo modelo de relación entre as administracións públicas e os cidadáns, apostando por compartir, reutilizar, evitar a duplicación de esforzos e recursos, e avanzar na prestación de servizos conxuntos para a sociedade.

Sen colas

Pola súa parte, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, incidiu en que as tecnoloxías da información e as comunicacións "fan posible achegar as administracións ata os propios despachos de empresas e profesionais ou ata o mesmo fogar da cidadanía. Permiten unha relación sen colas, sen esperas e sen horarios preestablecidos a calquera hora de calquera día do ano".

En opinión de Fernando Suárez, a través da ordenanza tipo contribúese a "fomentar a percepción da Administración como unha entidade ao servizo da cidadanía en contraposición á idea de burocracia pesada asociada á tramitación presencial, facilitando en igualdade de condicións a plena integración das persoas na vida pública, social, laboral e cultural".

Contidos

A ordenanza regula "a implantación da administración electrónica nos concellos mediante o impulso da utilización dos medios e canles electrónicas no desenvolvemento da actividade administrativa dos mesmos, tanto para a súa relación coa cidadanía como coas restantes administracións públicas, de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desenvolvido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos".

O texto  atinxe ás seguintes actuacións:

  1. A tramitación dos procedementos administrativos incorporados á tramitación telemática.
  2. A creación do rexistro electrónico e a regulación do seu funcionamento.
  3. Especificación dos trámites e procedementos que poderán ser iniciados a través do rexistro electrónico así como a fixación dos principios reguladores para a incorporación de novos trámites e procedementos administrativos.
  4. A prestación, por medios informáticos, de servizos de información e de atención á cidadanía polos distintos órganos e unidades administrativas do concello.
  5. A regulación das relacións coas demais administracións e entidades públicas en tanto en canto actúen como usuarias dos servizos ou ben como parte interesada nos procedementos incluídos no ámbito de aplicación do concello.
  6. A regulación das relacións internas entre órganos e unidades administrativas do concello.

A presentación da "Ordenanza de Administración Electrónica para a Administración Municipal" tivo lugar na mañá do pasado 8 de abril en Santiago de Compostela.