Pasar al contenido principal

Canonical, creadora de Ubuntu, e Magneti Marelli, líder na tecnoloxía do automóbil conectado, presentes en LibreCon 2015

Librecon 2015

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2015. Roberto Zompi, un dos grandes expertos na aplicación de software de código aberto no automóbil conectado, e Victor Tuson Palau, que é vicepresidente de Canonical, a empresa creadora do sistema operativo Ubuntu, participarán como relatores en LibreCon 2015. Agasol, Asolif e Clúster TIC Galicia son os organizadores deste evento de auténtica referencia para os axentes que traballan no eido do software libre e as open technologies que se celebrará en Compostela os días 29 e 30 de outubro.

Roberto Zompi é xerente de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli, pertencente ao Grupo Fiat Chrysler, histórico propietario de marcas do prestixio de Ferrari, Lancia, Alfa Romeo e Maserati. É tamén vicepresidente de Genivi Alliance, un consorcio que promove a aplicación de software de código aberto na automoción.

Victor Tuson Palau é viceperesidente de Canonical, a empresa que está detras de Ubuntu, e é o responsable dos proxectos para a aplicación deste sistema operativo de código aberto aos dispositivos móbiles.

Ambos os dous expertos participarán nas sesións plenarias da quinta edición de LibreCon, para a que se estima unha participación de 1.500 profesionais e unhas 600 empresas.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e director de Desenvolvemento de Negocio de R, sinalou: "A participación de Roberto Zompi en LibreCon 2015 garante un debate do máximo nivel nun eido de tanta relevancia económica como é a aplicación das tecnoloxías abertas ao sector do Automóbil".

Pola súa banda, Xavier Castaño, presidente de Agasol, manifestou a súa satisfacción por poder confirmar a participación de tecnólogos do prestixio de Victor Tuson Palau e Roberto Zompi. "En datas próximas esperamos poder confirmar máis relatores que completarán un panel de auténtico luxo, de xeito que o encontro será unha oportunidade única para coñecer casos de éxito, inspirarse nos consellos dos expertos e facer networking", asegurou. Castaño engadiu que a inscrición de participantes avanza a  bo ritmo e animou a todos os interesados a visitar a web para conseguir as súas entradas.

Eixos temáticos e apoio institucional

A Electrónica de Consumo, o sector do Automóbil (sistemas de entretemento e automóbil conectado), o Internet das Cousas e a Nova Educación serán os eixos temáticos de LibreCon 2015. Ademais, reservarase un espazo para o eCommerce e darase especial protagonismo á comunicación de casos de éxito. 

LibreCon 2015 conta co apoio da operadora R e co respaldo da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello de Santiago de Compostela. Colabora tamén a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O software libre como xerador de negocio e emprego

LibreCon 2015 recolle o testigo das catro edicións anteriores de LibreCon e Libre Software World Conference, plantexando un evento que ten como principal obxectivo a creación de negocio e emprego en todos os sectores da sociedad a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento.

Con este obxectivo sempre en mente LibreCon 2015 quere demostrar, ademáis, os beneficios dun sector que está sobrevivindo con éxito á situación xeral de crisis. As tecnoloxías abertas en xeral e o software libre en particular constitúen unha alternativa real que ofrece a empresas e administracións públicas de todo o mundo unha maior competitividade, grandes aforros e desenvolvemento de economías locais.